Xa pasaron uns diíñas, pero é o que ten o verán.
Despois de moitos anos, estas últimas noites volvemos a oír a avelaiona no monte da Cabana, pretiño da casa, máis ou menos coincidiu coa chuvia das Perseidas. Cremos que se trata dunha avelaiona común (strix aluco), polo ruído que fai segundo a Guía das aves de Galicia de X.M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e Calros Silvar. Non temos fotos súas sacadas a pleno luar, pero si outras diurnas e fóra do contexto, doutras especies de rapaces nocturnas.
Por exemplo esta que amosa unha cría (non sabemos a súa especie), estaba no cemiterio da aldea e xente da parroquia viuna alí acochadiña e con pinta de estar enferma. Como cambia a cousa, antes tirábanselle pedras aos gatos, agora chámase ao Seprona para que veña en auxilio do animal. Non sabemos que foi del, ao mellor é o que polas noites está no noso monte berrando ou gorgolexando como di Higinio Pontes no seu libro O bandido Casanova: “Escoitamos o gorgolexo escuro da curuxa.”
Estes animais, sobre todo o moucho e a curuxa, están asociados a elementos negativos, maiormente a morte, pola súa nocturnidade e o son que emiten. O Equipo de Normalización Lingüística do C P Veleiro do Campo recolle nun libro editado no ano 1997 o dito popular de que cando o moucho ou a
curuxa cantan ao pé dunha casa é sinal de que a hora dalgún dos membros está a
chegar.
Deixamos unha foto dun bufo real sacada na feira medieval de Pontedeume: