martes, 24 de febreiro de 2015

47. Pomba brava


Xa sabemos que é moi difícil ver unha "auténtica" pomba brava, pois está cruzada habitualmente coa súa versión doméstica. Pero de todas as que vimos este ano, esta parece ter as características idóneas da pomba brava: a cera pequena (a mancha-vulto clara enriba do pico), o pico máis afiado cá doméstica, as raias das ás ben definidas, as patas granates, a cor verdosa e violácea iridiscente do pescozo,... Viuna Manu hoxe, 24 de febreiro, na Coruña. O nome científico é Columba livia, e en castelán chámase paloma bravía.

46. Lagarteiro peneireiro


Esa mancha que aparece no medio da foto e do ceo é o lagarteiro peneireiro (Falco tinnunculus), que foi visto onda sempre, no seu sitio habitual, entre Padrón e Osebe. A foto é penosa porque foi sacada cunha cámara pequena e desde o tren en marcha. Pero Manu viuno ben e identificouno sen lugar a dúbidas, facendo manobras espectaculares. Viuno hoxe, o 24 de febreiro. En castelán chámase cernícalo vulgar.

45. Píllara riscada


O martes 24 de febreiro, debido ao mal tempo no mar, as píllaras riscadas (Arenaria interpres) buscaron refuxio no paseo marítimo da Coruña. E alí andaban comendo no medio da herba cando Manu as retratou desde a distancia e cunha cámara pequena. En castelán coñécense como vuelvepiedras común.

44. Peto verdeal


O peto verdeal cruzóuseme cando volvía no coche onte luns 23 de febreiro. Eran sobre as dúas do mediodía. Xa o oímos antes varias veces pero imos contabilizalo hoxe. Non puiden sacar fotos así que esta que deixamos é anterior, feita hai un par de anos no Barco de Valdeorras. O nome científico é Picus viridis e en castelán pito real.

sábado, 21 de febreiro de 2015

43. Gabeador común


A foto non é moi boa pero vímolo ben, gabeando árbore arriba como acostuma. De novo ao ladiño da casa, entrando no monte. Avistámolo o sábado 21 de febreiro xa case no luscofusco. Cientificamente é coñecido como Certhia brachydactyla e en castelán denomínano agabeador común.

42. Paporrubio real


A foto amósanos a unha Pyrrhula pyrrhula femia. Andaba ela xunto a un bacachís. Por máis que espreitamos non demos visto o paporrubio real macho. En castelán chámanlle camachuelo común.Vímola esta tarde, a do sábado 21 de febreiro, no monte ao lado da casa, curiosamente en fronte de onde viamos sempre o paporrubio macho.

41. Xirín común


Visto a mañá de hoxe, sábado 21 de febreiro, ao lado da casa. É o Serinus serinus, ou verdecillo en castelán.

40. Escribenta riscada


Esta Emberiza cía en concreto vímola en Catoira, ao lado da casa, a tarde do martes 17 de febreiro. Xa viramos a liñaceira pero faltábanos a riscada, e aí vai. En castelán é o escribano montesino.

39. Papuxa das amoras


Avistada na Coruña na mañá do xoves 5 de febreiro. O nome científico da papuxa das amoras é Sylvia atricapilla e en castelán é a curruca capirotada. É abundante e en Catoira temos ben delas.

38. Rabirrubio tizón


Este Phoenicurus ochruros en concreto foi visto na Coruña o 4 de febreiro; pero realmente vémolo cada día na parede da nosa casa. En castelán chámanlle colirrojo tizón.

luns, 16 de febreiro de 2015

37. Miñato común


Vímolo na Vacariza, na banda coruñesa do Ulla, pousado sobre un cable ao lado da estrada. Puidemos achegarnos co coche ata bastante preto del, pero axiña botou a voar. O nome científico é Buteo buteo e en castelán busardo ratonero.

36. Pimpín común


O pimpín común foi avistado o domingo 1 de febreiro na banda coruñesa do Ulla, sobre as cinco e media da tarde. O nome científico é Fringilla coelebs e en castelán chámase pinzón vulgar.

35. Bico de coral


Vistos en Bamio o sábado 31 de xaneiro. Había como tres grandes bandadas que se entremesturaban. Estaban ao carón da vía do tren. O nome científico é Estrilda astrid. Ao día seguinte volvemos a velos na marxe coruñesa do Ulla, enfronte a Catoira; tamén en bandadas. Vese que xa están asentados como especie usual na ría de Arousa. Aínda que é unha especie invasora é bonito velos. A cor vermella do pico e da barriga non deixa indiferente a ninguén. No verán semellan máis claros.

34. Chasco común


Foi visto en Carreirón o 25 de xaneiro. É raro non velos por alí, xa que é moi común. O nome científico é Saxicola torquata e en castelán chámanlle tarabilla común.

33. Píllara cincenta


O nome científico da píllara cincenta é Pluvialis squatarola e en castelán chámanlle chorlito gris.Vimos varios exemplares en Carreirón, O Grove, o domingo 25 de xaneiro. É un paxaro invernante moi común.

32. Corvo mariño cristado


Avistado en Carreirón o domingo 25 de xaneiro. Entre tanto corvo mariño común logramos ver un cristado case por casualidade. Alí estaba tomando o sol na rocha e ofrecéndonos a crista de xeito claro. O nome científico é Phalacrocorax aristotelis e en castelán coñécese como cormorán moñudo.

31. Pica dos prados


Vista tamén en Carreirón o domingo 25 de xaneiro. O nome científico é Anthus pratensis e en castelán é a bisbita común.

30. Mergullón pequeno


Avistado en Carreirón o 25 de xaneiro. Compartía lagoa coa galiña de río. O seu nome científico é Tachybaptus ruficollis e en castelán chámanlle zampullín común. Estaba bastante lonxe, o que dificultou sacar unha boa foto, pero esta ilustra as súas características.

29. Ferreiro subeliño


Vímolo nas marxes do Ulla, á saída de Carril cara a Bamio. Había moitos ferreiros por alí e entre eles estaban os subeliños, nos que se distinguía a cor rosada e o rabo moi longo. O nome científico é Aegithalos caudatus, e en castelán coñécese como mito.

28.Galiña de río


Vímola o 25 de xaneiro no parque de Carreirón no Grove. Cientificamente é a Gallinula chloropus. En castelán é unha gallineta común. É moi doada distinguila con ese pico que chama poderosamente a atención, vermello coa punta amarela, mentres que o corpo é todo negro, agás por unhas liñas laterais brancas.