Paseo despois de comer, moi cedo, a iso das tres, coa pasta aínda sen dixerir. O monte da Cabana atráenos e alá imos, preparados, coa cámara e os prismáticos por se acaso..., por se acaso aparece un paxaro, un raposo, un xabaril. Non había moita animalada a esas horas, así que alancamos polo monte arriba escorrentando a friaxe que por fin chegou. Ante esa ausencia deleitámonos coa paisaxe, as árbores e a luz do sol, xa incriblemente minguante, xogando con elas.
A subida fainos entrar en calor. Uns ferreiros saltan entre as follas outonizas dun castiñeiro. Amarelas, marróns, laranxas, verdes, vermellas. Puntillismo natural. Un miñoto bota a voar, calado, tranquilo, da póla dun piñeiro, e marcha pousarse lonxe das nosas olladas. Era moi escuro, coas características manchas brancas na parte interior das ás.
Seguimos as pegadas do xabaril. Levamos o seu mesmo camiño. Esta vella parede lindada por carballos chama de novo a nosa atención. Sempre nos paramos a mirala. Hoxe chea de brión verde contrasta cos fentos secos, pardos, que a rodean. Preto está a corticeira, esperándome. O meu abrazo. A súa tranquilidade. Coa cortiza engurrada e ferida; cunha marca vermella de propiedade. Propiedade!? Pode pertencer a alguén, ela, á que pertence o tempo?
Xa ao luscofusco, cruzóuseme un raposo, que, asustado coas luces do coche, fuxiu entre as leiras na procura da cea. Ai, as galiñas de Mari Carmen!!!!