martes, 11 de xullo de 2017

Fin de semana en Pontedeume

Como sempre, Pontedeume non defrauda en ningún sentido. Desta avistamos gavitas (había tempo que non o faciamos) durante o seu almorzo aproveitando a baixamar:

De paseo na procura de alimento.

Bebendo fronte a unha gaivota chorona.


Fronte a fronte. Apréciase mellor o tamaño.


Pero tamén puidemos ver unha píllara solitaria, entre lavancos, garzas, gaivotas e mazaricos. Despois de ollala polo miúdo, parécenos unha areeira nova:



Das píllaras xa falou Manuel Murguía no seu libriño Dende o ceo (publicado por A Nosa Terra), onde dicía:  

"As gaivotas e as píllaras, especie de pequenas pombas que moran nas ondas mesturando cos xemidos do vello Océano os seus arrolos de amor, voaban a rentes da auga e unían os seus agoreiros chíos a eses cen gritos que semellan saudar á tempestade que se adianta e que, a imitación dos crescendo de Rossini, se desata nas cen harmonías da natureza."

Comparando, con toda razón, as píllaras con aqueloutras pombas pequenas que voan a rentes do mar e teñen chíos, non sei se agoreiros, pero si cando menos tristeiros.

Vacaloura


Esta vacaloura femia veu visitarnos ata a porta da casa. Saímos a tempo para evitar que os gatos a mareasen de máis. Xa a tiñan coas pernas para arriba. Sentimos sacarlle un xoguete aos michos pero a vacaloura merecía un destino mellor: o xardín da parte de atrás da casa.
No libro Anacos da nosa cultura, editado polo Equipo de Normalización Lingüística do C P Veleiro do Campo, di que "os cornos da vacaloura foron utilizados a miúdo como un amuleto contra o mal de ollo (este consiste no poder da mirada dalgunha xente para producirlles dano aos demais). Outros remedios contra este feitizo son as figas, as cruces con allo enriba do malfadado, etc".
Esperamos que xa non se sigan con estas tradición e deixen as vacalouras andar ao seu.