Un agasallo vital. Unha fin de semana en Compostela. Revivina con emoción. Recuperei as rúas, os edificios, os comercios. Paseeina sen apuros; vin os detalles da pedra, alí estaban Eva coa mazá e Adán enroscado pola serpe; entrei nos museos; merquei libros; e sentei nas terrazas. Sentinme unha turista na miña cidade.
domingo, 21 de maio de 2023
sábado, 6 de maio de 2023
O peto repica no pino
O toc toc do peto resoa no monte; avanza como unha onda expansiva sobrevoando as árbores. É un son oco, duro, vello, envolvente, profundo e, asemade, anunciador de vida. Isto faino moi diferente dos demais sons do bosque.
Toc, toc, toc. Peto verdeal. Toc, toc. Peto real. Toc, toc, toc. O peto peta co seu peteiro. Peta o peto. Pica o pino. Toc, toc, toc... resoa no monte... e entra con calma... toc, toc... na mente, ás agachadas, sorteando a afouteza temporal, agachándose en recunchos escuros, dobrando silandeiro os cantos afiados.
Volven as sombras nocturnas. Volven as silvas e os toxos bravos. Volve a puñada no estómago, as náuseas e o cerebro encollido. Pero ao mesmo tempo chega a luz e a calor, a mirada tenra e agradecida, a caricia disimulada, o riso inocente e o engano liberador.