xoves, 30 de maio de 2013

Ferreiriño común


No paseo de hoxe cruzámonos co ferreiriño común (Parus ater). Ao lado dos outros ferreiros non son tan vistosos pois predomina neles as cores negra, gris e branca; dalgún xeito semella unha copia en branco e negro do ferreiro abelleiro. O seu canto tamén é variado.

Anxo Angueira no seu libro Iria, (que recomendo a todos os habitantes da ría de Arousa) mencíonaos e constata que por esta zona do Ulla se lles coñece como maceiriños. Así aparece no seu libro: “A alegre paxarada da mañá, case toda de maceiriños, ditos tamén ferreiriños, enche os hortelexos da Trabanca de Riba. O Costa distráese ollando os codesos e escoltando a lestada nos piñeirais do Santiaguiño. Un peto cruza silandeiro cara á carballeira, inzada de vinte mil verduras, do pazo da Pedreira”. 
Máis adiante di:“Lens arriba para ve-lo río todo mentres oe un barullo de petos melros e macieriños da banda de Santa Baia.”

mércores, 29 de maio de 2013

Ferreiro bacachís

Os ferreiros son un habituais acompañantes dos nosos paseos. Acostuman estar en grupos, aínda que é habitual ver os comúns xuntos cos bacachís, cristados ou os subeliños. Teñen un fermoso e moi variado canto e resultan moi vistosos, sobre todo os bacachís pola sor amarela do peito.


A caluga posúe un ton negro azulado e o lombo é verdoso. Destaca esa especie de coroa no curuto da caluga rodeada de plumaxe branca.
O seu nome científico é Parus caeruleus e en castelán chámanlle herrerillo.


Como podedes ver, de fronte ten un aspecto moi serio.




Estas imaxes foron sacadas no Barco de Valdeorras pero é moi habitual velos por toda Galicia.

martes, 28 de maio de 2013

Pimpín común



A este paxaro coñéceselle tamén como pinzón vulgar. O seu nome científico é Fringilla coelebs. É moi vistosa polo seu variado corido: gris na caluga, cola e parte das ás; roxeado no peito e no lombo; branco e franxas nas ás na parte inferior do corpo preto da cola. O pico é pequeno e groso. O nome venlle do son que emiten, algo así como pin pin. As fotos foron sacadas en Catoira e no Barco de Valdeorras, dous lugares moi afastados, pero é que este animaliño é común en toda Galicia durante todo o ano.





martes, 14 de maio de 2013

Libeliñas

Libeliñas, libélulas ou  lavacús.  Os cabalos do demos ou cabalotos son distintos: máis pequenos e con ás pregadas cara a atrás, pegadas ao corpo, mentres que as libélulas as manteñen sempre despregadas lateralmente como podedes ver nesta imaxe:


Non coñecemos os tipos de libeliñas, precisamos dun bo manual, pero ademais é que hai tantas! Se alguén sabe como se chaman que nolo deixe escrito nun comentario, por favor!!!!

Pola zona hai moitas e moi variadas e aínda que sabemos que se moven polos ríos ou preto, o curioso é que no lugar onde abundan (chamásmoslle xa a avenida das libeliñas, pois sempre están no mesmo camiño do monte) non hai un río, como moito un rego seco no verán, que é cando sacamos as fotos. Cada día é unha sorpresa pois aparece unha distinta. Outra é a seguinte:


Esta parécese moito á Macromia splendes, que é unha especie amezada, pero esta non o é, se se observa a imaxe de preto vese que as manchas non son exactamente iguais nin no corpo nin na cabeza.

Unha curiosidade destes animaliños: datan da época dos dinosaurios, claro que daquela eran bastante máis grandes ca agora. Ademais foron os primeiros animais que empezaron a voar. A que agora xa non parecen tan pequenos!




Pasan máis da metade da súa vida debaixo da auga como bos cazadores, comendo cágados e insectos subacuáticos.

mércores, 8 de maio de 2013

Pega marza


Este paxaro que aquí se amosa case indefenso baixo a chuvia é a pega marza  (Garrulus glandarius), pero que non nos engane porque ten mala uva. É bastante grandiño e resulta moi vistoso sobre todo por esas plumas azuis das ás. Non parece un córvido polo seu colorido, aínda que como todos eles ten algo negro na plumaxe (xa o di o noso refraneiro: "Non hai pega sen mancha negra"). Destaca o seu pico contundente e forte. Aínda que parece que se alimenta de moitas cousas, podo constatar que tamén, de ter fame, pica no pan mollado. Debía estar criando porque durante todo o día fixo varias viaxes na procura do pan, espantando os pardais.


Desde atrás pódese apreciar mellor o colorido das ás, co azul, marrón, negro e branco. As plumiñas azuis son moi fermosas, miden uns cinco centímetros e teñen unhas listas transversais de cor azul, negro e branco. Na parte superior da cabeza ten outras plumas brancas e negras, que parecen tesas. Como estivo por aquí puidemos sacar bastantes fotos, iso si, con moito coidado pois estaba moi receosa.



martes, 7 de maio de 2013

Cuco

Días de chuvia. Veleidosa primavera. Xa hai uns anos que o cuco non vén aniñar ao monte da Cabana e como non temos fotos poñemos unha ilustración de Manu.



O cuco é un animal curioso, como xa todo o mundo sabe pon un ovo nun niño alleo. Cando a cría nace tira cos outros ovos para ser alimentado por unha nai tamén allea. Estes feitos non deixan en bo lugar a este paxaro pero para compensar está o seu canto. A primavera non chega ata que el canta. A tradición familiar dicía que cando se oe o seu primeiro canto do ano, deberemos ter a barriga chea e o peto con cartos, pois ese momento determina como será o resto do ano en canto a fame e diñeiro. Por se é certo, alá por marzo, que é cando chega, hai que ir, polo menos, ben alimentados.
É precisamente o seu canto o que lle dá o nome, pois soa tal cal: cu cu, así repetido a pares.
Por certo, o seu nome científico é Cuculus canorus.
Se é certo que un dos seus alimentos favoritos son as eirugas da procesionaria xa pode volver ao monte da Cabana porque hai ben delas nos nosos piñeiros! E así volveremos ter unha primavera tamén con son.

O refraneiro popular di que "Entre marzo e abril sae o cuco do cubil; e entre San Xoán e a Sega, marcha o cuco para a súa terra". En Catoira somos máis dramáticos porque o noso refraneiro di: "Entre marzo e abril ou vén cuco ou vén a fin", e xa dixen que hai uns anos, sete máis ou menos, que non vén...

Hai varios ditos populares que mencionan a este animal, como "estás contento coma un cuco", vese que o seu canto reflectía a ledicia (relacionado coa chegada da primavera, a calor, a luz,...). Outro é "Ser moi cuco" ou "Ser coma un cuco" indicando que alguén é moi enxeñoso ou arteiro; con este sentido podemos lelo no libro O bandido Casanova de Hixinio Puentes: "Pero o padriño, que era moi cuco e non lle interesaba poñerse a mal cos veciños..."; máis adiante pon "O condenado era finísimo como la de gato, coma un cuco"; entendemos esta finura como astucia. De feito a palabra cuco é un sinónimo de astuto, arteiro, sagaz, perspicaz...

Manuel María dedicoulle un poema en Terra Chá:

O cuco, o cuco cuqueiro.
O cuco, o cuco cucón.
¡Madrugón e cantareiro!
¡Cantareiro e madrugón!

domingo, 5 de maio de 2013

Paporrubio común

Neste primeiro paseo matinal atopámonos co paporrubio común (Erithacus rubecula). Deixouse fotografar con certa profesionalidade. Non sempre é doado atopalos tan dispostos.


 

Este paxaro é común e abundante en toda Galicia. É frecuente velo e atopalo preto das casas, iso si, de aldea, durante todo o ano. Evidentemente o seu nome vén de que ten o papo desta cor avermellada e cando lle dá o sol resulta moi vistosa. Ten un canto fermoso e variado, aínda que se o oes de preto resulta lixeiramente estridente; pero non deixa de ser melodioso, polo menos a min gústame!