O cuco é un animal curioso, como xa todo o mundo sabe pon un ovo nun niño alleo. Cando a cría nace tira cos outros ovos para ser alimentado por unha nai tamén allea. Estes feitos non deixan en bo lugar a este paxaro pero para compensar está o seu canto. A primavera non chega ata que el canta. A tradición familiar dicía que cando se oe o seu primeiro canto do ano, deberemos ter a barriga chea e o peto con cartos, pois ese momento determina como será o resto do ano en canto a fame e diñeiro. Por se é certo, alá por marzo, que é cando chega, hai que ir, polo menos, ben alimentados.
É precisamente o seu canto o que lle dá o nome, pois soa tal cal: cu cu, así repetido a pares.
Por certo, o seu nome científico é Cuculus canorus.
Se é certo que un dos seus alimentos favoritos son as eirugas da procesionaria xa pode volver ao monte da Cabana porque hai ben delas nos nosos piñeiros! E así volveremos ter unha primavera tamén con son.
O refraneiro popular di que "Entre marzo e abril sae o cuco do cubil; e entre San Xoán e a Sega, marcha o cuco para a súa terra". En Catoira somos máis dramáticos porque o noso refraneiro di: "Entre marzo e abril ou vén cuco ou vén a fin", e xa dixen que hai uns anos, sete máis ou menos, que non vén...
Hai varios ditos populares que mencionan a este animal, como "estás contento coma un cuco", vese que o seu canto reflectía a ledicia (relacionado coa chegada da primavera, a calor, a luz,...). Outro é "Ser moi cuco" ou "Ser coma un cuco" indicando que alguén é moi enxeñoso ou arteiro; con este sentido podemos lelo no libro O bandido Casanova de Hixinio Puentes: "Pero o padriño, que era moi cuco e non lle interesaba poñerse a mal cos veciños..."; máis adiante pon "O condenado era finísimo como la de gato, coma un cuco"; entendemos esta finura como astucia. De feito a palabra cuco é un sinónimo de astuto, arteiro, sagaz, perspicaz...
O cuco, o cuco cuqueiro.
O cuco, o cuco cucón.
¡Madrugón e cantareiro!
¡Cantareiro e madrugón!
Ningún comentario:
Publicar un comentario