domingo, 23 de febreiro de 2014

15 de febreiro

Sábado 15 de febreiro. Paseo matutino por Catoira con dous avistamentos novos:

34. Gabeador común (Certhia brachydactyla): non se ve moi ben, pero entre todas as fotos que lle sacamos e polo xeito de moverse polo piñeiro, gabeando, apoiándose no rabo, determinamos que era este o común, e non o norteño, pois, ademais de que este é raro en Galicia, parécenos que non ten a liña branca que vai desde a parte superior do pico á cella, deixando as dúas unidas, polo menos aparentemente.



35. Ferreiro común (Parus ater): moi común pero non o vimos ata o de agora, polo menos non de xeito tan claro como para identificalo; é de supoñer que nos cruzamos con el varias veces, pero a contraluz ou de lonxe sen poder determinar con seguridade que era o común.



13 de febreiro

De novo en Quiroga, o día 13 de febreiro, durante un paseo Manu viu pero non logrou fotografar estes paxaros; as imaxes que ilustran o animal son do ano pasado:

32. Peto real (Dendrocopos major): non son moi claras pero é tan difícil sacarlle unha boa foto a un peto!




33. Paporrubio real (Pyrrbula pyrrbula): a visión deste paxaro non deixa indiferente, ten o papo tan, tan rubio que asombra. E tampouco é doado fotografalo, nin abunda tanto como o común, ou polo menos déixase ver pouco.



12 de febreiro

Aínda que as colgamos hoxe, estas imaxes foron tomadas o 12 de febreiro en Quiroga (Lugo), que foi cando Manu fixo varios avistamentos:

27. Pimpín común (Fringilla coelebs):


28. Picafollas asubiador (Phylloscopus sibilatrix):



29. Estreliña riscada (Regulus ignicapilla):



30. Cegoña branca (Ciconia ciconia):


31. Tordo común (Turdus philomenus): é difícil distinguilo do tordo charlo, pero logo de observar detidamente as imaxes deducimos que é o común, pola barriga máis abrancuxada e por ter a cara máis escura. A foto foi sacada ao serán.









20 de xaneiro

Luns 20, pola tarde. Manu ve en Quiroga (sur de Lugo) unha boa manda de:

26. Estorniños negros (Sturnus unicolor).A imaxe ilustra ben que acostuman andar en grupos.

19 de xaneiro

Domingo do mes de xaneiro. Frío e chuvia. O único paxaro que vimos durante a curta saída foi:

25. Ferreiro subeliño (Aeghitalos caudatus); non puidemos sacarlle unha foto, estas que deixamos son do ano pasado.