Despídese novembro agasallándonos cun día esplendoroso; o pouco frío e a luz de outono tinguen de novo a paisaxe. A cor outonal xa non é soamente parda: a silva vermella, a herba outra volta dun verde primaveral por obra e graza da chuvia e do sol, os subeliños rosados, o peito dos paporrubios... Durante todo o paseo estivo soando a banda sonora dos paporrubios, dos ferreiriños, dos merlos...
Saudamos a corticeira que se cubriu cun lique aveludado para pasar o inverno quentiña; non foi a única, os carballos tamén seguen a moda. As chuvias dos últimos días deixaron a súa pegada no camiño; o pedregullo desapareceu costa abaixo e no seu lugar abriuse unha fenda que nos permite ver a fértil terra negrísima coma o medo.
A nota triste xurdiu ao final do percorrido: unha píntega esmagada no medio do camiño e o son dunha motoserra cortando un vello carballo.