Entre as 15'30 e 16'30 tocou dar un paseo pola ribeira do Ulla, con paradas en Catoira, Bamio e Carril. Avistamos moitas aves xa contabilizadas anteriormente: corvos mariños reais, lavandeiras brancas e reais, lavancos, gaivotas e gaivotóns, martiños peixeiros (incriblemente vimos dous, pousados nunha rocha e nun pau e en dúas zonas distintas), pilriño patiamarelo, garzas reais (pescando unha anguía que tiraba de cando en vez ao chan para rematala) e garzotas comúns de patas amarelas,... toda unha fauna avícola mariña; pero entre ela dúas especies que non viramos este ano:
84. Bico de coral (Estrilda astrid): nas marxes de Carril chamounos a atención unha pelexa entre varios paxaros, a curiosidade de Manu levouno a otear e facer fotos ao chou, en contra da luz do sol. Xa na casa vimos que se trataba dun grupo de bicos de coral.
85. Pato cullerete (Anas clypeata): ollando para unha garza real avistamos detrás dela un par de patos nadando; nuns intres ergueron o voo xunto con outros compañeiros e xa non os volvemos a ver. Non deu tempo a fotos, pero a parte posterior da barriga avermellada chamaba moito a atención, xunto coa cabeza que parecía negra pero logo viuse verde; cando saíron voando percibíronse manchas negras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario