Hai que andar! Toca paseo que temos bo tempo e, por fin, un oco libre pola tarde. Como tampocuo gozamos de horas, tiramos xa polo monte da Cabana, con ganas de andar e poucas expectativas de ver paxaros; pero por se acaso imos coa cámara e os prismáticos. E fixemos ben porque os ferreiriños cristados andaban de festa; había moitos, xuntos, e podían distinguirse a simple vista; iso si, seguen inquedos e rebuldeiros pois custou tirarlles unha foto decente; esta que colgamos é a mellor que logramos sacar:
Máis adiante atopamos outros ferreiros, comúns e abelleiros son que logramos identificar a simple vista. Un par de paporrubios reais tamén se nos cruzaron pero liscaron a fume de carozo espantados, sobre todo, polo ruído dunha motoserra.
Achegámonos á avenida das libeliñas e, como non, unhas cantas deixáronse ver. Seguimos sen conseguir clasificalas polo que non podemos dicir como se chama esta preciosidade:
Tamén nos rondou un miñato común, parecía ter "feridas de guerra"; na foto pode verse que lle falta algunha pluma e outras están cortadas, tanto nas ás coma no rabo. Sobrevoounos e, facendo círculos foise afastando de nós. Aquí queda a foto.
Xa cando estabamos chegando a casa, oímos o peto repicando nun piñeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario