martes, 30 de xuño de 2015

Camiñada polo monte


O paseo da tardiña resultou máis longo e frutuoso do esperado. Botamos a andar pensando nos beneficios físicos máis ca na paxarada. E como sempre acompañáronos gabeadores, petos, ferreiros, merlos e a papuxa montesa ou do mato, que temos na foto de arriba.  A sorpresa déunola boa un esquío xunto ao depósito da auga. Alí estaba na póla dunha árbore:


Iso si, da boca saía algo grande, pensamos en dentes, barbas,... pero non conseguimos saber que é; nalgún momento parecía que estaba comendo algo. Na seguinte foto vese máis claramente:


Tamén houbo tempo para abrazar a corticeira que está a rentes do camiño. Unha vella amiga cuberta de brión.

domingo, 7 de xuño de 2015

84. Peto real

Hoxe, domingo 7 de xuño vimos o peto real en Ribeira; cruzóusenos por diante volvendo da praia da Ladeira a iso das 6'15 da tarde. Non deu tempo a foto pero é inconfundible. O nome científico é Dendrocopos major e en castelán chámase pico picapinos.

sábado, 6 de xuño de 2015

83. Cuco común

Non hai foto do cuco pero o seu canto é inconfundible. Oímolo a mañá do sábado 6 de xuño desde a casa. Iso significa que anda de novo polo monte da Cabana. Confirmóunolo papá pois di que hai algúns días que o vén oíndo cantar. E eu sen cartos no peto!!!! Estaremos atentos ao seu canto para saír na súa procura. De feito hoxe pola tarde vimos unha parella de paxaros voando, que nun primeiro momento semellaban pombas, pero descartámolas porque se vían con claridade unhas raias, ben pensei que no rabo pero non o teño claro. Serían os cucos? O nome científico é Cuculus canorus.

82. Papuxa montesa

Non hai foto pero vímola ben no monte da Cabana onte venres 5 de xuño sobre as 7 da tarde. As costas escuras e a parte inferior dun ton avermellado escuro, o rabo longo. Móvese entre a espesura dos toxos e as xestas, polo que resulta moi difícil vela e non digamos sacarlle unha foto minimamente decente. O seu nome científico é Sylvia undata e en castelán denomínase curruca rabilarga.En galego tamén é coñecida como a papuxa do mato.

mércores, 3 de xuño de 2015

81. Tordo común

Hoxe mércores 3 de xuño vimos este tordo común no tellado do pallal que está ao lado da casa. Desde o xardín, non fixo falta nin prismáticos para identificalo como tordo. Foi a iso das 8 da tarde. O nome científico é Turdus philomelos e en castelán chámase zorzal común.