Anda un trasno pola casa. Vén amolar nada máis. Agochoume un par de cousas que tiña ao lado. Unha apareceu ao día seguinte onde tiña que estar. A outra segue desaparecida, vese que lle chamou máis a atención, pola cor rechamante, imaxino. Non paro de buscar arredor de onde ten que estar. Aparecerá algún día enriba da mesa na que se pousou.
Tamén moveu a porta dun cuarto, moi amodo e renxendo. Oxalá fose un espírito familiar ollándome desde o alén e procurando unha comunicación interdimensional. Pero sei que o causante de todo isto é o minúsculo trasno que vive connosco. Xoga con vantaxe pola súa invisibilidade, pero que ande con ollo, pois estarei atenta aos lixeiros movementos do aire e, coa pá de esmagar moscas, igual o chafo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario