Que fermoso e que esquivo é!!!!! Non hai forma de sacarlle unha foto de preto, é un bule-bule e voa coma unha auténtica bala, colle forma de misil e avanza sen practicamente mover as ás. O corido é espectacular, verde coa caluga vermella, a parte traseira superior amarela e o peito e parte da cara brancos.
A primeira vez que o vin, ben pensei que era un loro, era unha bala verde que pousou erguido nunha vide.
Non son a única que o considera un animal esquivo, Anxo Angueira no seu libro Iria tamén fala do tema: cualifícao de esquivo e silandeiro (“E o peto, o peto, o esquivo peto cantando no Cachón ós piñeiros da Borbola, de Cabodeiras á Estivada, o seu longo latín inequívoco.”); tamén menciona a súa característica forma de voar, que se pode apreciar na foto de arriba (“O peto verdeal voa agora silandeiro por riba da herba e dos codesos do campo da Torre cara ós piñeiros do Santiguiño co seu voo ás ondas, batendo as ás ós poucos, a intervalos.”) e do seu canto doadamente recoñecible. Claro que outro son ben propio do peto é o que fai canto fura nas árbores, ás que deixa así:
O seu nome científico é Picus viridis.
Hai un dito popular que nos di: "Estás farto como un peto"