domingo, 12 de xaneiro de 2014

Domingo 12 de xaneiro

O tempo deunos uns minutos para pasear pola beira da ría en Carril; algún pardal, un pilro do que non podemos precisar a especie, unha lavandeira branca e, a novidade, unha garza real que saíu voando.

24. Garza real (Ardea cinerea). Eran as 5 dunha tarde poallenta. A garza estaba soa e voou por riba da ría cara a Cortegada.


Tamén vimos, ao chegar á casa, de novo o miñato común; pero non o contabilizamos porque xa o vimos anteriormente, de todos xeitos deixamos unha foto del no momento en que ergue o voo:

sábado, 11 de xaneiro de 2014

Sábado 11 de xaneiro

Paseo matutino polo monte. Saímos sobre as 10 da mañá; había algo de néboa pero o ceo estaba despaxado. Atopámonos con varios paxaros: un paporrubio, ferreiros e, cando xa non o esperabamos, o peto verdeal. A tarde tocou paseo por Vilagarcía con miniparada en Carril: gaivotas, patos, pardais e  unha lavandeira.

17. Paporrubio común (Erithacus rubecula). Xa é un vello amigo noso. Abundan por todas partes e o seu canto é tan fermoso como variado.


18. Ferreiro abelleiro (Parus major). Había unha bo grupo deles, movíanse con tanta rapidez que era difícil identificalos, e cremos que había máis variedades (de feito si estaba o ferreiro común), pois tenden a moverse en bandadas mesturadas (ou así é como os vemos nós habitualmente: subeliños, cristados,... xuntos)


19. Peto verdeal (Picus viridis). A sorpresa da mañá. Había tempo que non o viamos, e cando xa o paseo ía rematar oímos o seu recoñecible canto, respondendo (ou así coincidiu) á imitación queManu fai do seu asubío. Había unha parella chamándose entre eles, ou máis ben avisándose da nosa presenza. Vímolos a través das ramas e recoñecémolos pola cor e polo voo, ademais de polo canto. A única imaxe que logramos foi a que poñemos agora: a súa silueta voando como un misil.


20. Pega marza (Garrulus glandarius). Cruzóusenos por diante e identificámola de inmediato; a súa plumaxe é inconfundible, pero non nos deu tempo a sacarlle unha foto. Esta que vos deixamos é doano pasado; prometemos que se logramos sacarlle unha foto ao longo do ano, cambiámola.



Esta foto é posterior, sacámola o 9 de marzo ao lado da casa, en Catoira. Ao estar de costas pode apreciarse ben a cor das ás, do rabo e do lombo.
Tamén vimos, diante da casa o macho do rabirrubio; andaba por aquí como un inquilino máis e practicamente puidemos tocalo. A foto imos incluíla no apartado do rabirrubio femia de días anteriores.

21. Gaivota patiamarela (Larus cachinnans): alí estaba ela soa enriba dunha farola, na marxe do río do Con, en Vilagarcía, observando aos viandantes e aos patos. Determinamos que á a patimarela evidentemente pola cor das patas, aínda que ben podería ser unha arxéntea (esta ten as patas lixeiramente rosadas).



22. Lavandeira branca ( Motacilla alba alba): paramos en Carril a iso das seis e media da tarde, e alí paseaba soíña unha lavandeira branca; poñemos dúas imaxes, a primeira é a de Carril e a segunda a que fotografou Manu en Quiroga. A de Carril estaba algo lonxe cando sacamos a foto e case nonse ve, por iso poñemos a que sacou Mnu esta semana no sur de Lugo.




23. Pardal común (Passer domesticus): estaban varios nunha beirarrúa de Vilagarcía pero non puidemos sacar fotos deles. Para compensar poñemos de novo unha imaxe que sacou Manu en Quiroga o xoves 9 pasado.



martes, 7 de xaneiro de 2014

7 de xaneiro

Chove arreo. Desde a casa puidemos ver algún paxaro. En concreto un miñato, un rabirrubio e un merlo. Dos tres hai imaxes aínda que desde a distancia. Serían sobre as 11 da mañá.

14. Miñato común (Buteo buteo): estaba el só enriba dunha farola e botou tempo abondo a pesar da chuvia. Máis tarde, sobre a 1 saímos dar un paseo e vímolo voando e chiando.


15. Merlo común (Turdus merula): andaba a ras da estrada, saíndo de entre as herbas ata que pousou nun cable.



Estoutra imaxe é posterior pero vese algo mellor.


16. Rabirrubio tizón (Phoenicurus ochruros): e unha femia ou un exemplar inmaduro pola cor parda. Estaba soa, saltando dun lado a outro.



O sábado 11 vimos o macho máis ou menos no mesmo sitio no que estaba esta femia. Andaba el só e ía moi tranquilo, sen asustarse coa nosa presenza. Estaba xusto diante da porta da casa, case que chamando co pico.

luns, 6 de xaneiro de 2014

3 de xaneiro

Temporal de novo. Un chasco sálvanos o día. Imposible saír a pasear e desde o coche conseguimos identificalo enriba duns cables.

13. Chasco común (Saxicola torquata): non é unha gran foto pero serve de testemuña. Foi a media mañá nun momento en que non ventaba. Estaba el só e non liscou ao oír parar o coche.


xoves, 2 de xaneiro de 2014

2 de xaneiro

Mal día para pasear, chuvia, vento... Aproveitamos un pequeno oasis de calma para ver apenas dous animais: o corvo viazar e a pega rabilonga; ambos córvidos.

11º. Pega rabilonga (Pica pica). Xa falemos dela noutra entrada do blog:


12ª: Corvo viaraz (Corvus corone), "corneja negra" en castelán:


mércores, 1 de xaneiro de 2014

1 de xaneiro

Imos seguir a estela da película O gran ano pero en versión patria. Cantos avistamentos faremos neste ano que comeza? Hoxe nun paseo máis para respirar que para ver aves, atopámonos cunha gran sorpresa. O primeiro día cruzóusenos por diante un martiño peixeiro. Levaba moito tempo facendo por velo e non había forma e hoxe, sen buscalo, apareceu de golpe.
Os paxaros avistados hoxe foron dez. Todos eles no esteiro da ría do Eume (xusto na desembocadura do río Covés no Eume), entre as 13 e 14 horas dun día anubrado, xusto un pouco antes de que entrase o temporal.

1º. Garzota común (Egretta gazetta). Toda ela branca, co peteiro e as patas negras e os pés amarelos. Había unha parella, unha estaba ao pé do río e a outra na póla dunha árbore ao lado da autoestrada. Estiveron bastante tempo pousadas por alí. Escollemos esta imaxe porque se distinguen ben as dedas amarelas da pata erguida.



2ª. Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo): estaban ao lonxe, enriba do esqueleto dun barco no fondo da ría de Pontedeume. As súas plumas, ao contrario doutras aves acuáticas, non son impermeables, o que lles posibilita bucear con máis facilidade; como consecuencia teñen que secar ao sol ou ao aire, mantendo as súas ás abertas para que sequen.



3º. Gaivota escura ou sombría (Larus fuscus):


4º. Pilro curlibico (Calidris alpina): con este temos certas dúbidas porque hai moitas aves semellantes. Deunos a sensación de que había varios, pero non saberiamos dicir se era unha parella ou máis porque pasaban voando dun lado a outro rapidamente.


5º. Lavanco real (Anas platyrbynchos). Había varias bandadas, con máis machos ca femias: 


6º.Gaivota chorona común (Larus ridibundus):


7º. Lavandeira real (Motacilla cinerea): tamén temos certas dúbidas porque realmente a nós parecíanos a lavandeira verdeal, pero esta só aparece no verán, e a real debería ser menos amarela nesta época.



8º. Martiño peixeiro (Alcedo atthis): foi a verdadeira sorpresa do día. Levo toda unha vida querendo velo, esperei por el acochada en zonas que frecuentaba, Manu dicíame que o vía por alí pero nada... E hoxe, de súpeto, crúzasenos por diante nosa; non o podía crer, deunos tempo ata a facerlle unhas fotos; a mostra aí queda:



9º. Tordo charlo (Turdus viscivorus): tamén nos queda dúbidas de se é realmente este paxaro porque hai moitos semellantes. Avistamos varios.


10º. Pomba brava (Columba livia): moi frecuente pero non por iso menos paxaro!