mércores, 1 de xaneiro de 2014

1 de xaneiro

Imos seguir a estela da película O gran ano pero en versión patria. Cantos avistamentos faremos neste ano que comeza? Hoxe nun paseo máis para respirar que para ver aves, atopámonos cunha gran sorpresa. O primeiro día cruzóusenos por diante un martiño peixeiro. Levaba moito tempo facendo por velo e non había forma e hoxe, sen buscalo, apareceu de golpe.
Os paxaros avistados hoxe foron dez. Todos eles no esteiro da ría do Eume (xusto na desembocadura do río Covés no Eume), entre as 13 e 14 horas dun día anubrado, xusto un pouco antes de que entrase o temporal.

1º. Garzota común (Egretta gazetta). Toda ela branca, co peteiro e as patas negras e os pés amarelos. Había unha parella, unha estaba ao pé do río e a outra na póla dunha árbore ao lado da autoestrada. Estiveron bastante tempo pousadas por alí. Escollemos esta imaxe porque se distinguen ben as dedas amarelas da pata erguida.



2ª. Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo): estaban ao lonxe, enriba do esqueleto dun barco no fondo da ría de Pontedeume. As súas plumas, ao contrario doutras aves acuáticas, non son impermeables, o que lles posibilita bucear con máis facilidade; como consecuencia teñen que secar ao sol ou ao aire, mantendo as súas ás abertas para que sequen.



3º. Gaivota escura ou sombría (Larus fuscus):


4º. Pilro curlibico (Calidris alpina): con este temos certas dúbidas porque hai moitas aves semellantes. Deunos a sensación de que había varios, pero non saberiamos dicir se era unha parella ou máis porque pasaban voando dun lado a outro rapidamente.


5º. Lavanco real (Anas platyrbynchos). Había varias bandadas, con máis machos ca femias: 


6º.Gaivota chorona común (Larus ridibundus):


7º. Lavandeira real (Motacilla cinerea): tamén temos certas dúbidas porque realmente a nós parecíanos a lavandeira verdeal, pero esta só aparece no verán, e a real debería ser menos amarela nesta época.



8º. Martiño peixeiro (Alcedo atthis): foi a verdadeira sorpresa do día. Levo toda unha vida querendo velo, esperei por el acochada en zonas que frecuentaba, Manu dicíame que o vía por alí pero nada... E hoxe, de súpeto, crúzasenos por diante nosa; non o podía crer, deunos tempo ata a facerlle unhas fotos; a mostra aí queda:



9º. Tordo charlo (Turdus viscivorus): tamén nos queda dúbidas de se é realmente este paxaro porque hai moitos semellantes. Avistamos varios.


10º. Pomba brava (Columba livia): moi frecuente pero non por iso menos paxaro!


Ningún comentario:

Publicar un comentario