sábado, 11 de xaneiro de 2014

Sábado 11 de xaneiro

Paseo matutino polo monte. Saímos sobre as 10 da mañá; había algo de néboa pero o ceo estaba despaxado. Atopámonos con varios paxaros: un paporrubio, ferreiros e, cando xa non o esperabamos, o peto verdeal. A tarde tocou paseo por Vilagarcía con miniparada en Carril: gaivotas, patos, pardais e  unha lavandeira.

17. Paporrubio común (Erithacus rubecula). Xa é un vello amigo noso. Abundan por todas partes e o seu canto é tan fermoso como variado.


18. Ferreiro abelleiro (Parus major). Había unha bo grupo deles, movíanse con tanta rapidez que era difícil identificalos, e cremos que había máis variedades (de feito si estaba o ferreiro común), pois tenden a moverse en bandadas mesturadas (ou así é como os vemos nós habitualmente: subeliños, cristados,... xuntos)


19. Peto verdeal (Picus viridis). A sorpresa da mañá. Había tempo que non o viamos, e cando xa o paseo ía rematar oímos o seu recoñecible canto, respondendo (ou así coincidiu) á imitación queManu fai do seu asubío. Había unha parella chamándose entre eles, ou máis ben avisándose da nosa presenza. Vímolos a través das ramas e recoñecémolos pola cor e polo voo, ademais de polo canto. A única imaxe que logramos foi a que poñemos agora: a súa silueta voando como un misil.


20. Pega marza (Garrulus glandarius). Cruzóusenos por diante e identificámola de inmediato; a súa plumaxe é inconfundible, pero non nos deu tempo a sacarlle unha foto. Esta que vos deixamos é doano pasado; prometemos que se logramos sacarlle unha foto ao longo do ano, cambiámola.



Esta foto é posterior, sacámola o 9 de marzo ao lado da casa, en Catoira. Ao estar de costas pode apreciarse ben a cor das ás, do rabo e do lombo.
Tamén vimos, diante da casa o macho do rabirrubio; andaba por aquí como un inquilino máis e practicamente puidemos tocalo. A foto imos incluíla no apartado do rabirrubio femia de días anteriores.

21. Gaivota patiamarela (Larus cachinnans): alí estaba ela soa enriba dunha farola, na marxe do río do Con, en Vilagarcía, observando aos viandantes e aos patos. Determinamos que á a patimarela evidentemente pola cor das patas, aínda que ben podería ser unha arxéntea (esta ten as patas lixeiramente rosadas).



22. Lavandeira branca ( Motacilla alba alba): paramos en Carril a iso das seis e media da tarde, e alí paseaba soíña unha lavandeira branca; poñemos dúas imaxes, a primeira é a de Carril e a segunda a que fotografou Manu en Quiroga. A de Carril estaba algo lonxe cando sacamos a foto e case nonse ve, por iso poñemos a que sacou Mnu esta semana no sur de Lugo.




23. Pardal común (Passer domesticus): estaban varios nunha beirarrúa de Vilagarcía pero non puidemos sacar fotos deles. Para compensar poñemos de novo unha imaxe que sacou Manu en Quiroga o xoves 9 pasado.



Ningún comentario:

Publicar un comentario