luns, 21 de abril de 2014

21 de abril

Día de entretempo. Chuvia pola mañá e nubes e claros pola tarde. A iso das 15'30 pequeno paseo entre as raiolas do sol. Iamos con idea de visitar unha parella de paporrubios reais que aniñan preto da casa pero no seu territorio atopamos unha fulepa amarela que aínda non viramos este ano.

58. Fulepa amarela (Hippolais polyglotta): con este paxaro pásanos como con outros moitos, non é doado determinalo con exactitude. Dubidamos moito, a Manu parecíalle a fulepa abuada, pero a lóxica dinos que non pode ser (esta é moi escasa en Galicia e só se rexistra nun punto da ría de Pontevedra).


Non se lle ve excesivamente amarela, pero si ten unha lixeira tonalidade. O mesmo lle pasa ao paporrubio real que vemos ultimamente, que ten o papo algo deslucido.


venres, 18 de abril de 2014

Martiño peixeiro

O mariño peixeiro (Alcedo atthis) é un paxaro cun colorido espectacular que o fai moi doado de identificar. Lembro a alguén que dicía que vira un colibrí no río Lérez, pero máis ben sería un martiño, non credes? É moi habilidoso e rápido, polo que o máis habitual é ver unha mancha azul e laranxa voando a rentes do río. Evidentemente resulta difícil tirarlle unha foto; precísase de moita paciencia e horas de espera; ou dunha gran casualidade, que foi o que nos pasou o primeiro día deste 2014 na ría de Pontedeume.
Fixemos avistamentos del no Barco de Valdeorras e en Pontedeume, pero é unha especie que podemos atopar en calquera punto de Galicia, sempre a carón dun río ou outro lugar con auga abundante e peixes.


 En todas as fotos sae voando. Non logramos velo pousado na póla dunha árbore.


A calidade non é moi boa, pois collémolo sempre voando desde lonxe.

 

É doado percibir o seu colorido aínda desde a distancia.

xoves, 17 de abril de 2014

15 de abril

O bo tempo anima a achegarse ás praias. O paseo foi pola tarde na praia do Vilar, en Ribeira, que forma parte do complexo dunar de Corrubedo. Esperabamos ver moitas gaivotas distintas, pero non foi así. De todos xeitos vimos tres paxaros novos: a píllara papuda, o corvo mariño cristado e o carrán cristado.

55. Píllara papuda (Charadrius alexandrinus): vímola paseando pola area, correndo con esas perniñas que a penas tocan a area.



56. Corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis): a foto sacámola desde bastante distancia; de feito só soubemos que era o cristado cando a vimos ampliada na pantalla da cámara.Estaba pousado nunha rocha mar adentro.







57. Carrán cristado (Thalasseus sandvicensis): que traballiño nos levou identificalo!!! As características apuntaban a el (pico negro coa punta acastañada, patas negras, a caluga negra, plumaxe branca e algo agrisallada...) pero faltaba o fundamental: a crista de punta. Despois de ver outras imaxes na rede e nalgún que outro libro descubrimos que a crista erguida non acaba de ser determinante, polo menos mentres voan na procura de alimento. Resulta impresionante como se tiran á auga desde certa altura, deixando unha pequena chapuzadura constatadora da súa inmersión.

 Detalle das patas negras

 Había varios exemplares pescando



12 de abril

Parque do río Barosa na provincia de Pontevedra. Espectacular a ferveza, os muíños e o paseo a carón do río. Foi un día para gozar: tranquilidade, bo tempo, mellor compaña,... e camiñada. Nun momento do paseo atopamos un ánsar cincento, domesticado pero ánsar ao fin (aínda que é posible que xa estea cruzado co doméstico); aínda así contabilizámolo como un novo avistamento.

54. Ánsar cincento (Anser anser)


martes, 8 de abril de 2014

Cuco

Hoxe, 8 de abril ás 18'40 horas entrou oficialmente a primavera no monte da Cabana. Despois de moitos anos volvemos oír o cuco. A min particularmente colleume sen un peso no peto e coa barriga nin chea nin baleira, así que xa veremos como se presenta este ano; terá razón o dito ou son paxaradas!!!! Non hai foto pero si constatación sonora da chegada do cuco. Case nin me decato; estaba traballando, coa ventá aberta e o CD de Fuxan os ventos moi baixiño de fondo. Non sei nin como me decatei do seu canto, pensei nun primeiro momento nunha rula pero axiña souben que non, que era el co seu inconfundible cu-cu, así a pares e ben alto, como berrando que xa estaba de volta. Despois dun breve descanso volveu a cantar. Como siga aquí esta fin de semana, botámonos ao monte a cazalo... co obxectivo da cámara, e daquela colgaremos a foto. Aínda así queda oficialmente cazado.

53. Cuco común (Cuculus canorus).

luns, 7 de abril de 2014

Bico de coral común

Hai un par de anos vimos un bico de coral común (Estrilda astrid) pousado nun carballo novo. Chamounos moito a atención o seu bico e o ollo, coa súa característica cor coral que lle dá o nome, e o corpo raiado en tons pardos. Só vimos ese exemplar ese día. Non volvemos velo nunca máis. Na magnífica Guía das aves de Galicia de Xosé M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e Calros Silvar (editada por Baía edicións) din que é unha especie introducida en Galicia como ave de gaiola pero xa establecida no país, vivindo en liberdade e en expansión.



 Nós vímola no norte da provincia de Pontevedra (Catoira)