martes, 23 de setembro de 2014
O monte segue contaxiándose do outono e empeza a empardecer; todo se cobre dunha tranquila cor dourada. Menos mal que a paxarada anima o luscofusco. Os ferreiros seguen de troula choutando de árbore en árbore: vesme ou non me ves? Subeliños, comúns, abelleiros,... ufff!Vólvennos tolos ata que desistimos da foto. Continuamos a ruta. Adiantamos a unha leeeerrrrrmmmmaaaa cachazuda. As pegas marzas seguen coa lea de onte; non cansarán xamais! Unhas pombas foxen a fume de carozo..., andará o falcón polos arredores? Máis ferreiros e paporrubios e ... un gabeador rubindo polo piñeiro, apoiándose no rabo, dá a volta, queda coa cabeza para abaixo, vai por detrás da ponla, a frouma ocúltao... outra foto perdida, agás a dos nosos ollos que o viron facer equilibrios.
luns, 22 de setembro de 2014
Paseo a media tarde. O monte parece tranquilo. Saltóns verdes, azuis,... chocan contra nós; diminutas libélulas xogan ás agachadas, mimetizándose co terreo. Dúas pegas marzas berran entre as árbores, parecen que se insultan con xenreira. Un miñato altivo sobrevóanos facendo circos no aire e afástase silandeiro. En tropel, unha bandada de paxaros cruza o camiño procurando as copas dos piñeiros, semellan xílgaros pero a faísca oculta o seu corido. A corticeira, parsimoniosa, amosa na codia unha ferida nova. E o outono entra, nos fentos, nos carballos, nos cogomelos que abrollan...
domingo, 21 de setembro de 2014
21 de setembro
Coa entrada do outono avistamos un falcón peregrino. Xa onte nos pareceu que era o que asustara a unhas pombas, pero hoxe pasou por riba de nós como un avión caza: rápido, áxil. Cazado o noso particular caza:
82. Falcón peregrino (Falco peregrinus). Non deu tempo a moitas fotos, pero Manu conseguiu tirar algunha pouco clarificadora. De todos xeitos aquí a deixamos. Pasou cinxíndose ás irregularidades do terreo: sorteando árbores, a uns catro metros de altura do chan. O máis emocionante é comprobar que hai entre nós este tipo de ave rapaz.

domingo, 14 de setembro de 2014
Avelaionas cantareiras
Onte pola noite, ás 11 máis ou menos, asistimos a un espectáculo sonoro engaiolante. Oímos un coro de avelaionas. Había tres ou catro, unha delas unha cría, situadas en tres lugares distintos moi preto da casa. Unha cantaba e as outras contestaban. A sorpresa foi cando albiscamos unha sobrevoando o noso tellado para pousar no poste de teléfono. Manu procurou tirar unha foto, pero eramos conscientes da dificultade: falta de luz e oído lixeirísimo da ave. A foto sacouse pero só se ve un vulto. Axiña fuxiu de novo cara ao monte. Eu gravei no teléfono o concerto nocturno.
Xosé Miranda no seu libro Morning Star, fala do son da avelaiona: "Laiaba a avelaiona e alguén petaba na porta da taberna". E realmente así é o seu canto, como un lamento no medio da noite.
Xosé Miranda no seu libro Morning Star, fala do son da avelaiona: "Laiaba a avelaiona e alguén petaba na porta da taberna". E realmente así é o seu canto, como un lamento no medio da noite.
xoves, 4 de setembro de 2014
2 de setembro
Sorpresivamente, durante un paseo á hora de máis calor do día de máis calor deste irregular verán, Manu tropezou cun pilro en Ribas de Sil, a sorpresa impediulle sacar unha foto, pero viuno ben: pico lixeiramente curvo, cor grisácea apardazada, algo menor ca un merlo, a franxa das ás e a parte traseira brancas. Pola descrición e pola localización deducimos que se trata dun pilro cubranco, lonxe da costa pero si con presenza nesta zona. Así que, cazado:
81. Pilro cubranco (Calidris ferruginea); vista ás 14'30 no río Sil, que baixaba con pouca auga, ao final da zona de san Clodio, nun lugar onde o río forma unha curva. Alí, á sombra duns loureiros, castaños e carballos, estaba entre as pedras xa coa plumaxe invernal escapando da asfixiante calor. Imaxinamos que o nome científico procede da cor que ten no verán.

luns, 1 de setembro de 2014
Gabitas voando
Pouco hai que dicir desta imaxe. Unha bandada de gabitas sobrevoando o areal de Corrubedo. É imposible non ver o pico vemello entre as plumas negras e brancas.
Vímolas tamén a comezos de xullo en Pontedeume.
31 de agosto
A praia Ladeira déixanos bastantes avistamentos; moitos deles complicados de identificar pola distanza e o cambio de plumaxe, pero ás veces non hai dúbida ningunha, coma neste novo caso; entre píllaras, gaivotas, gabitas e algún que outro bilurico ou mazarico, atopamos unhas píllaras riscadas; así que chegamos aos 80 avistamentos:
80. Píllara riscada (Arenaria interpres); desta si logramos sacar varias fotos, como mostra a que publicamos dunha parella que amosan a plumaxe unha máis de inverno e outra máis de verán.
80. Píllara riscada (Arenaria interpres); desta si logramos sacar varias fotos, como mostra a que publicamos dunha parella que amosan a plumaxe unha máis de inverno e outra máis de verán.
15 de agosto
Esquecímonos de publicala pero o 15 de agosto pola tarde na praia en Corrubedo, avistamos a píllara dourada europea. Despois dun longo paseo que nos levou desde a praia Ladeira ata a do Vilar, e cando xa estabamos marchando, atopamos cuns avistadores de paxaros e non puidemos resistir a tentación de falar con eles. Foron moi amables e encantadores, mesmo nos deixaron mirar polos seus teleobxectivos; vimos así vellas coñecidas, como as gabitas, pero tamén unha nova píllara, a dourada europea. Un novo avistamento grazas a outros amantes dos paxaros!!! E aínda que tarde non deixamos de contabilizala.
79. Píllara dourada europea (Pluvialis apricaria). Iso si, vímola pero non puidemos fotografala!
79. Píllara dourada europea (Pluvialis apricaria). Iso si, vímola pero non puidemos fotografala!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)