Onte pola noite, ás 11 máis ou menos, asistimos a un espectáculo sonoro engaiolante. Oímos un coro de avelaionas. Había tres ou catro, unha delas unha cría, situadas en tres lugares distintos moi preto da casa. Unha cantaba e as outras contestaban. A sorpresa foi cando albiscamos unha sobrevoando o noso tellado para pousar no poste de teléfono. Manu procurou tirar unha foto, pero eramos conscientes da dificultade: falta de luz e oído lixeirísimo da ave. A foto sacouse pero só se ve un vulto. Axiña fuxiu de novo cara ao monte. Eu gravei no teléfono o concerto nocturno.
Xosé Miranda no seu libro Morning Star, fala do son da avelaiona: "Laiaba a avelaiona e alguén petaba na porta da taberna". E realmente así é o seu canto, como un lamento no medio da noite.
Ningún comentario:
Publicar un comentario