domingo, 25 de xaneiro de 2015

27. Ferreiro bacachís


Visto tamén entre Carril e Bamio, nas marxes do Ulla, o 24 de xaneiro. É moi común e adoita andar cos outros ferreiros. En Catoira é moi habitual. O nome científico é Parus caeruleus e en castelán é o Herrerillo común.

26. Picaxuncos común

Avistado en Catoira o 18 de xaneiro. O nome científico é Cisticola juncidis e en castelán é Buitrón.

25. Ferreiro abelleiro


Visto o día 18 en Catoira. O Parus major é moi común no noso territorio. En castelán chámanlle Carbonero común.

24. Estorniño negro


Vistos tamén en Catoira o día 17 de xaneiro. É moi común pero en Catoira non tanto, polo menos nós non o vemos de forma habitual. E como se pode ver, o grupo non era moi numeroso pois noutras zonas móvense en bandadas numerosísimas. O nome científico é Sturnus unicolor.

23. Pardal orelleiro

Incrible o deste paxaro. Supostamente é común pero non o dabamos visto. Supoño que o tivemos diante moitas veces pero non distinguiamos ben a súa cara. Pero finalmente, e sen decatarnos ata ver as fotos, logramos cazalo fotograficamente. Cientificamente é o Passer montanus e en castelán é o Gorrión molinero. Ah! Vímolo en Catoira o 17 de xaneiro.

22. Ferreiriño común


Non é a mellor das fotos, pero serve para ilustrar o paxaro. Vímolo tamén o 17 de xaneiro en Catoira. O nome científico é Parus ater e en castelán chámanlle Carbonero Garrapinos. É moi común e parece a versión en branco e negro dos outros ferreiros. Pasa máis desapercibido por esta ausencia de cores rechamantes.

sábado, 3 de xaneiro de 2015

20. Pombo torcaz

O pombo torcaz (Columba palumbus) tamén o vimos o 1 de xaneiro pola mañá en Pontedeume. Ë doado de identificar pola mancha branca nun lateral do pescozo. Non temos foto de momento, pero como esperamos volver a vela procuraremos tirarlle unha e colgala.

19. Corvo viaraz

Vimos moitos na primeira xornada do ano e nos días posteriores. É abundante por toda Galicia. O seu nome científico é Corvus corone, e en castelán chámanlle Corneja negra.
 

18. Lavandeira real

Vímola pasar coma un raio pero inconfundible. Mesmo sacamos algunha foto pero só saíu unha mancha amarela. Pousou algo lonxe pero vímola ben cos prismáticos. Se a volvemos ver, que será pronto, e logramos a foto, colgarémola.

17. Bilurico pativerde

O bilurico pativerde (Tringa nebularia) avistámolo ao lonxe no esteiro de Pontedeume tamén o primeiro día do ano. A foto non é moi clara pero cos prismáticos logramos ver máis detalles.


En castelán chámanlle Archibebe claro.

16. Martiño peixeiro

Xa é o segundo ano que o vemos o día 1 de xaneiro e vai camiño de converterse en tradición. Non é un paxaro moi común e ademais é bastante esquivo. Pasa moi rápido e é tan pequeno que case non se ve. Agora xa identificamos o canto e iso fai que esteamos alerta. Precisamente o canto foi o que provocou que chegásemos a velo, a foto aí queda  para demostrar a rapidez e maña de Manu.


O nome científico é Alcedo Atthis.
 
O máis rechamante del son as cores, evidentemente. O máis normal é velo pasar voando baixo, a ras da auga, pero tamén, con paciencia pode verse enriba dun pau ou dunha ponla enriba da auga.
Tamén o temos en Catoira.

15. Paporrubio común


Outro animal moi común e que vimos xa o primeiro día do ano. Apareceu polo paseo marítimo de Pontedeume, pousou debaixo dunha árbore que case o camuflaba e liscou.
 

O nome científico é Erithacus rubecula. E en castelán é un petirrojo.

14. Pega rabilonga

Vista o día 1 de xaneiro en Pontedeume, pero pode verse todos os días en calquera punto de Galicia. Son abundantes e moi rechamantes pola súa cor negra e branca, o tamaño e o rabo longo.


 
O nome científico é Pica pica. En castelán a urraca.




13. Pardal común

Vímolos o día 1 en Pontedeume. Son moi usuais preto das casas, convivindo con nós, de feito o nome científico é Passer domesticus (é dicir, paxaro doméstico). Non temos fotos pero cando o volvamos a ver sacarémosllas.

12. Merlo común

É un dos paxaros máis comúns e facilmente identificables: a cor negra e o pico laranxa do macho fanno inconfundible; a femia é máis acastañada e co pico menos rechamante, como se observa na foto.


O nome científico é Turdus merula.

venres, 2 de xaneiro de 2015

11. Picafollas europeo

Avistado o 1 de xaneiro en Pontedeume, entre as árbores do paseo marítimo. Aínda que ao principio non foi doado velo, acabou rendéndose e posando para a foto ante a insistencia de Manu.

 

O nome científico é Phylloscopus collybita e en castelán denomínase Mosquitero común.



10. Rula turca

Avistada o 1 de xaneiro pola mañá no paseo marítimo de Pontedeume. Esta é común e sedentaria en Galicia.


Recoñécese doadamente por unha única raia negra na parte de atrás do pescozo, tal e como se pode apreciar na foto.
 
 
O nome científico é Streptopelia decaocto. e en castelán chámanlle Tórtola turca.

9. Bilurico bailón

O bilurico bailón (Actitis hypoleucos) foi avistado o 1 deste mes en Pontedeume. Había uns poucos peteirando no lodo, uns cinco, e de cando en vez subían ao paseo marítimo dar unha volta pola herba. Algún foi gañando confianza e achegouse moito a nós.


Este paxaro tamén é moi nervioso. Movíase como unha lavandeira, a saltiños e movéndose decote de arriba abaixo.


En castelán coñécese como andarríos chico. É moi común en Galicia durante o inverno. En Catoira tamén puidemos ver un exemplar na praia fluvial. Mide como moito uns 20 cm.

8. Lavandeira branca

Vista a mañá do 1 de xaneiro en Pontedeume. Andaba ela soa polo paseo marítimo vixiando a un bilurico bailón que subiu á herba.



O nome científico é Motacilla alba alba.

 
Característica súa é o movemento áxil e nervioso, baila agachándose e oscilando de arriba abaixo. Está sempre movéndose, mesmo a saltos.

7. Gaivota escura

Vímola tamén o primeiro día do ano en Pontedeume. Caracterízase pola cor máis escura das ás. E igual co resto de gaivotas gustan moito de pousarse sobre as farolas.



Este tipo de gaivotas é menos abundante cás de patas amarelas e as choronas.
 


O seu nome científico é Larus fuscus e en castelán chámanlle gaviota sombría.

6. Garza real

O día 1 de xaneiro empezou co avistamento de moitas aves. Unha delas foi a garza real (Ardea cinerea). Este animal é moi común en toda Galicia, de feito na Ría de Arousa podemos vela en abundancia, tamén a temos en Catoira, nas marxes do río e nos seus illotes.



Igual ca garzota é un animal moi estático, e voando vese enorme.

5. Estreliña riscada

Vimos a estreliña xa o día 1 de xaneiro en Pontedeume. Estaba nunha árbore do paseo marítimo revoando inqueda e nerviosa. Foi moi complicado facer unha boa foto. É moi doada de recoñecer pola mancha alaranxada do curuto da cabeza e polas tres raias na cara: unha cruzándolle o ollo ata o pico, as outras dúas, unha por arriba separando a cara branca da caluga laranxa e a outra por abaixo. A cor laranxa do macho convérterse en amarela na femia.


O nome científico é Regulus ignicapilla e en castelán coñécese como reyezuelo listado.

xoves, 1 de xaneiro de 2015

4. Lavanco real

É quizais o pato máis abondoso en Galicia. Pode verse por todas partes e por suposto tamén en Catoira. Caracterízase pola cabeza e pescozo verdes do macho, o peito castaño, a barriga branca, unha raia tamén branca que separa a cabeza do corpo e unha lista escura que cruza o corpo desde a cabeza ao rabo. A femia pola contra é toda acastañada.
O nome científico é Anas platyrhynchos e en castelán coñécese como ánade azulón.



Acostuman a andar en grupo, machos e femias, ás veces mesturados con outros tipos de patos. Nós xa os vimos con culleretes e asubións.

 

Na imaxe de arriba vese ben a diferenza entre macho e femia. En Pontedeume observamos un comportamento curioso. Unha parella paseaba tan tranquilamente cando dous machos comezan a aproximarse a eles. O macho colócase entre a femia e o novo macho que estaba máis preto. E así estiveron durante varios minutos: uns intentando achegarse á femia e o outro protexéndoa dos acosadores.


3. Gaivota chorona común

A gaivota chorona tamén a vimos a mesmo día 1 de xaneiro en Pontedeume. É moi abundante e doadamente identificable polo seu pequeno tamaño (uns 35 cm) e as dúas manchas ao lado do ollo no período invernal. No verán pasa a ter a cabeza de cor marrón chocolate. O nome científico é Larus ridibundus, e en castelán gaviota reidora. En Catoira tamén é habitual.



Como na foto, é usual velas enriba de farolas, postes,...
 

 


 

2. Corvo mariño real

O corvo mariño real ten como nome científico Phalacrocorax carbo, e en castelán chámaselle cormorán. Recoñécese pola cor negra do corpo, os máis novos teñen aínda a barriga abrancuxada, o peitero é gris coa parte máis próxima á cabeza de cor amarelo; as plumas da parte de abaixo da cara, a que está en contacto co pico, son brancas. Recoñécense estes animais por estar pousados en postes, pedras,... metidos na auga, moitas veces secando as ás estiradas ao sol. Tamén é característico velo metido na auga da que só sobresae o pescozo.
É un animal moi abundante en Galicia, e está ben distribuído. Vímolo tanto no norte coma no sur e en Catoira é moi habitual no Ulla.


 


 
Tamén é doado identificalo voando, vese o longo pescozo e as ás máis atrás da metade do corpo.

1. Garzota común

Vista o 1 de xaneiro en Pontedeume, ás 12'30 dunha mañá fría aínda que soleada. Destacan dela a cor branca, o pico negro, as patas negras cos pés amarelos. En castelán chámase garceta común e o nome científico é Egretta garzetta. É abundante por toda Galicia, vímola dende o norte (Pontedeume) ata nas Rías Baixas en número abundante. Tamén a temos en Catoira, un simple paseo pola beira do río Ulla permitiranos vela tranquilamente metida na auga ou pousada nun illote.
É un animal que parece moi tranquilo porque está sempre esperando unha posible presa que levar ao pico.
As fotos foron sacadas no esteiro do río Eume.

 
Nesta foto aprécianse ben algunhas das súas características.
 


 
A esta, pousada no esqueleto dun vello barco, véselle ben un dos pés amarelos. O outro tíñao recollido.



En pleno voo tamén se aprecian os pés amarelos.