Domingo de febreiro. Moi frío, como todo o mes. Un pequeno percorrido en coche abeirando o Ulla. Desde a banda coruñesa sacamos esta foto; en fronte Catoira. O Ulla nesta parte está cheo de meandros e canles tranquilas coma esta:
Anxo Angueira describiu moi ben estas canles no seu libro Iria: "Madrugada en ceo no esteiro. Alta a maré, unha chalana nada na noite reacha lene e silandeira o cristal frío, mouro da auga. É unha chalana que baixa desde o Redondo de Imo, por Riasós e Cabodeiras, escorregando calma o río Vello. Baixa entre xuncos da beira alagados e néboa da alborada, brétema que sobe da auga escura, negra, en vinte mil farrapos retortos. O río Vello é unha canle, un brazo do Ulla ó pé da Bacariza. (...) Ó pasa-lo rego dos Campelos que baixa de Paradeuga, o rapaz abeira deica cofea-lo plan nos xuncos."
E mái adiante:
"O río Vello é o brazo máis fondo e mais retorto do derradeiro Ulla, un remol, o brazo que debuxa a máis grande de tódalas súas insuas, a insua da Bacariza: xunco e despois herba e mulime dos toutizos deica chegar ó toxo da touza central, erguida sobre penedos, o Cachón, illa da insua."
Estoutra foto, xa no luscofusco é da banda pontevedresa, preto de Carril:
Pero non todo foi paisaxe fluvial; o miñoto tamén fixo acto de presenza e desde o coche Manu logrou tirarlle unhas fotos dignas:
De lado e de costas:
Realmente hai abundancia de miñotos na nosa zona. Cada un na súa zona, dominándoa. Axexando o seu xantar ao mediodía e á tardiña, é habitual velos enriba de postes da luz, árbores, farois, cables,... ollando con detemento o chan, na procura do alimento salvador.