venres, 15 de agosto de 2025

Devezo, añoro, amo

Devezo pola choiva. 

Amenceu o día cuberto de brétema húmida e fresca. O agasallo -oasis de sombra- máis prezado deste tórrido verán.

A neboeira acocha Xiabre e, mesmo, Menlle. A paisaxe é verde escura e agrisada. Unha bandeira de vida. Verde no chan, auga suspendida no ceo.

Hoxe cómpreme sentar fóra, para amornarme. E gozo da pel da galiña. E noto como florecen os esbirros. E arrefrío. Por fin o sol non me cega, non me queima, non me evapora. 

Todo volve á súa orde, non precisan as abellas beber, as follas das plantas arríchanse, o aire non queima os pulmóns.

Añoro o clima oceánico.

Sobe a néboa para o norte, peiteando as árbores, refrescándome a pel. É o Atlántico que entra na Terra. "Apaga o lume que nos abrasa", prégolle coma o deus benefactor que é. "Sigue andando; vaite ao leste e esmorece as labaradas que nos consomen", rezo. "Galicia precísate, o chan que bicas agoniza entre cinzas", berro. 

Amo a choiva.


Ningún comentario:

Publicar un comentario