mércores, 1 de abril de 2026

O ceo caeu azul -Partícula IV-

 -Partícula IV-

Baixei as escaleiras na procura de papá. E  busqueino onda sempre, sentado na cadeira da cociña, ao lado da mesa e fronte á xanela. É o seu lugar, ao lado da calor do radiador que lle quece o lombo dorido.

-Estás ben, papá?

Como non respondía, mireino de esguello. Está feliz, ata diría que remozou, cos ollos algo húmidos e un sorriso na boca. Volvín preguntar, achegándome a el:

-Ei! Estás ben?

-Estou perfectamente... e feliz -dixo mentres lle escorregaba unha bágoa pola fazula engurrada.

-Papá? Que ocorre? -preguntei sentando no chan diante del.

-Acabo de falar con túa nai. Non digas nada, xa o sei, non estou desvariando, nin teño demencia -dicía mentres eu lle agarraba as mans e llas bicaba-. Ben sei que túa nai morreu hai un ano, estaba ao seu lado, pero tes que crerme... acabo de falar con ela.

Escoitouse un riso sonoro no piso de arriba.

-Creo o que dis. Sei que falaches con ela.

E aperteille a man para reafirmar as miñas palabras. Despois de ver a Roque movendo o po e o meu peito de novo baixo a camiseta, xa todo era verdade para min. 

-Sábelo? Ti tamén falaches con ela? -preguntou esperanzado de que eu corroborase a súa tolemia.

-Non, non falei. Pero sei que ti si. Cóntame, como foi?

-Non sabería dicirche exactamente como foi. Estaba aquí sentado cando algo resoou dentro de min. Era ela...

-Papá, tranquilo -intentei acougalo-. Que che dixo? 

Deixou de chorar. Miroume fixamente e falou:

-Que pensase en vós. 

Colleu aire e continuou agarrado ao bastón que repousaba ao seu lado.

-Desde que morreu, -calou- isto xa non é o mesmo. Penso cada día en matarme. Se non o fago é por Roque; por ti xa non que xa sabes seguir soa -colleu algo de forza para continusr-. Esta vida xa non é o mesmo sen ela... Sabes que levabamos toda a vida xuntos... Non sei como vivir sen ela -mantivo o silencio uns segundos-. Díxome que aínda non era hora.

Quedei fría e calada no chan da cociña.

Pousei a miña cabeza no seu colo e acariñouma mentres continuou falando:

-Pregunteille onde estaba, sabes? Segundo ela non está en ningures, pero que a partir de agora estará aquí- e tocou o peito-. Díxome que ve a través dos meus ollos e sente o mesmo ca min. Que por iso debo estar feliz.

Escoitamos as gargalladas de Roque. 

Eu era nena outra vez, no colo de papá mentres fóra seguían a caer folerpas azuis.


Ningún comentario:

Publicar un comentario