xoves, 20 de marzo de 2014

Cegoña branca

Que grande é este paxaro! Vímola pola zona de Ourense (O Barco de valdeorras) e sur de Lugo (Quiroga) e paraxes intermedias. Ao vela de preto, un decátase da inmensidade do seu tamaño, e parece difícil que sexa quen de voar; pero voa, e de xeito moi lixeiro. Deixamos algunhas das moitas imaxes que temos dela:



 Cegoña coas crías; se un se fixa ben vense entre as ramiñas do niño outros paxaros.



O seu nome científico é Ciconia ciconia

 En pleno vo.

Xa están conosco desde febreiro. É ben coñecido o refrán "Por San Blas, a cegoña verás"; isto é, desde o tres de febreiro.

Chasco común

O chasco común, cientificamente Saxicola torquata, é un paxaro moi habitual en Galicia. Nós vímolo en varias zonas afastadas. O seu nome vén do seu canto que soa tal cal "chac, chac".


 Nas imaxes vénselle ben as cores.



O chasco e mailo carrizo
 e mailo escaravello,
 andiveron ós moquetes
no medio do aparello.

Este poemiña recolleuno o Equipo de Normalización Lingüística (dos curso 1995 a 1997) do C.P. Veleiro do Campo no libro Anacos da nosa cultura feitopor eles.

mércores, 19 de marzo de 2014

Merlo común

Un merlo común non parece nada doutro mundo; todo negro agás polo pico alaranxado e ese ollo inmenso, tan marcado, que parece que nos fita inquisidor. Nós vémolos case sempre a ras do chan e xa lle chamamos directamente "chivato" pois é sentirnos e fuxir nun bater de ás e chiando como se o levase o demo; estamos convencidos de que está avisando a todo bicho de que imos por alí, dando a alarma.



Atópase en todas partes: no monte, nas leiras, nas vilas,...e é un paxaro moi habitual en Galicia. Como xa dixemos observámolo case sempre pola zona máis baixa, sobre todo entre as xestas e silveiras. Neste fragmento dun poema de Manuel María pertencente ao libro Mar maior, escribe o poeta:

Anxo de silencio nas miñas maos de terra,
vivindo en chama apaixonada,
en voz de melro que canta nas silveiras:
eu óllote na noite coma un paxaro morto,
como o cabelo dunha nena triste
que agonizou e fíxose ar.



 


A femia é máis apardazada mentres que o macho é todo negro. Hai ditos populares que aluden sobre todo á súa cor, como "ser un merlo branco", é dicir, ser algo moi raro. Outra frase feita dinos que "armar ao merlo" é buscar un perigo.


O seu nome científico é Turdus merula. En inglés, sempre sintéticos, dise Blackbird; por que será?


Xosé María Álvarez Blázquez dá outra imaxe máis festeira do merlo neste poema:

Da gorxa algareira
do merlo lanzal
fuxían as horas
collidas da man.

Coas súas muiñeiras
i os seus alalás
a todas as merlas
ía namorar.

Na ponla máis outa
do meu salgueiral
morreu o poeta:
no papo: nin gran.



sábado, 15 de marzo de 2014

12 de marzo

Quiroga. Ás cinco da tarde sacáronse estas fotos:

49. Piquelo azul (Sitta europaea): gabeador hábil e contorsionista; as imaxes ilustran como lles gustan  adoptar múltiples posturas, sen ningún inconveniente en moverse en calquera dirección:




50. Rula turca (Streptopelia decaocto): xa a viramos moitas veces pero sen sacar foto. Agora xa a podemos amosar.


51. Andoriña común (Hirundo rustica): xa chegaron as andoriñas, así que media primavera está aquí. Falta o cuco! Aínda que na foto non se ven moi claras as súas características, dámos fe de que era esta especie xa que a vimos perfectamente. De todos xeitos, neste blog hai unha entrada para as andoriñas  con imaxes nas que se observan perfectamente os seus trazos definitorios.


52. Miñato real (Milvus milvus): aínda que as imaxes non son moi claras, decantámonos polo miñato real pola cola máis gallada ca do miñato queimado e pola súa cor (aínda que na foto non se aprecia, si a vimos en directo) máis avermellada.



domingo, 9 de marzo de 2014

9 de marzo

Sen saír da casa acudiron a nós un par de paxaros; mesmo un deles posou para a foto. Era sobre as dúas da tarde.

47. Escribenta riscada (Emberiza cia): pousou enriba dun cable e chamounos para sacarlle a foto; posou amosándonos distintas perspectivas súas para que non houbese dúbida da súa especie. As súas características aprécianse ben nas imaxes.





48. Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla): metida entre unha silveira alí estaba.


Paporrubio real

É un animal realmente rechamante. Ten unha cor rubia tan viva que é imposible non miralo, contrastando coa cor negra da caluga e das ás. As imaxes, que o amosan de perfil e de costas, foron tirasdas en Catoira, no monte da Cabana na Viladesuso. Tamén pasou voando por riba de nós, ao serán, e realmente só vimos unha enorme mancha rubia na zona do peito e branca cara ao rabo. Era espectacular.





 

8 de marzo

Día soleado primaveral no final do inverno. Despois de tanta auga as raiolas do sol fan saír aos paxaros. Ao mediodía (á unha máis ou menos) veu un xirín común darnos unha serenata á casa.

46. Xirín común (Serinus serinus). Estaba el só pousado nun cable piando á caloriña do sol. Deixamos dúas foto, de lado e de costas, para poder ver todas as súas características.



sábado, 8 de marzo de 2014

6 de marzo

Xoves 6 de marzo. 4 da tarde. Quiroga. Catro avistamentos que non tiñamos contabilizados:

42. Corvo carnazal (Corvus corax): bicho grande, máis grande co corvo viaraz, cun pico potente e o rabo curvo. Odín tiña dous que eran os seus confidentes, Hugin e Munin, representantes do pensamento e da memoria. Enviábaos pola mañá e pola noite volvían para contarlle o que viran polo mundo. De feito a Odín coñecíano como o deus corvo, entre outros nomes. É un paxaro moi intelixente. Para Pondal simbolizaba a liberdade.




43. Escribenta liñaceira (Emberiza cirlus): estaban o macho e a femia xuntos. O macho recoñécese doadamente polas raias amarelas que ten na cara. A femia é menos rechamante, como se pode observar na terceira foto.





44. Picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus): é moi difícil distinguilo do picafollas europeo; deccantámonos polo ibérico polo ton lixeiramente oliváceo. Tamén se pode distinguir polo canto, pero desta non dixo pío. De feitoosdous poden estar nesta época en Galicia.



45. Xilgaro común (Carduelis carduelis): doadísimo de distinguir: a cara vermella e a cor amarela das ás son inconfundibles.



mércores, 5 de marzo de 2014

5 de marzo

Dous paseos polo monte da cabana en Catoira animados polo bo tempo e o sol. Podemos constatar que a primavera xa está aquí: multitude de paxaros piando, niños de pocesionaria e os primeiros abrollos verdes reais. O peto verdeal acompañounos co seu canto tanto pola mañá coma pola tarde; rodeáronnos distintos tipos de ferreiros e paporrubios tamén felices coa chegada do bo tempo. Pero especies novas só vimos tres:

39. Ferreiro bacachís (Parus caeruleus): inconfundible coa súa caluga azulada. Serían as 10'30 da mañá e había moitos ferreiros por alí, tamén estaban os cristados e os subeliños.


40. Ferreiro cristado (Parus cristatus): non hai forma de sacarlle unha boa foto a este paxaro; que difícil é coller a súa crista ben! Aínda así fixemos estas que algo axudan a identificalo.





41. Carrizo común ( Troglodytes troglodytes): un paxariño tan pequeno cun nome científico tan bruto! Realmente é pequeno e anda a ras do chan ou polas pólas máis baixas. Xa o vimos o outro día en Caldas pero non o tiñamos claro de todo, pero hoxe non temos dúbida ningunha.


Tamén vimos a estreliña riscada, que xa contabilizamos o mes pasado, pero desta vez vímola os dous, non só Manu, e logrei sacarlle unhas boas fotos. Aínda que non a contamos, si deixamos as imaxes. É un macho e realmente a súa caluga laranxa é impresionante, destaca dun xeito tan rechamante que é imposible non vela; ademais este quería saír na foto pois movía a cabeza como dicindo: "sacaches ben unha foto da miña caluga alaranxada?"



luns, 3 de marzo de 2014

3 de marzo

Curto paseo polo paseo fluvial de Caldas de Reis. Sobre as 16'30 nun momento de descanso da chuvia. Pouco durou, en menos de media hora comezou a chover. Pero deunos tempo a avistar dous paxaros; máis ben tres, aínda que non podemos confirmar se o primeiro que vimos era ou non carrizo común, así que, ao non estar seguros, non o contabilizamos.

37. Pombo torcaz (Columba palumbus): alí estaba el só enriba dunha árbore, tan pancho.



38. Merlo rieiro (Cinclus cinclus): tamén estaba el só; primeiro avistámolo nunha pedra no medio do río pero axiña voou ao pé dunha árbore metida no río por mor da enchente. Alí foi onde mellor o fotografamos.

domingo, 2 de marzo de 2014

2 de marzo

Nun arraio momentáneo apareceu un verderolo, coa súa cor tan rechamante nestes días grises.

36. Verderolo común (Carduelis chloris): media tarde, unha parella saltando de pau en pau xunto cuns pardais inquedos. Non puidemos fotografalos hoxe pero si outras moitas veces, así que deixamos unha imaxe xa antiga.