sábado, 24 de maio de 2014

Gaivotas

Tamén as gaivotas nos visitan en Catoira. Non son moi abundantes no interior do concello a pesar de estar na boca da ría de Arousa; e máis case non se ven sobrevoar o monte da Cabana, desde o que hai moi boas vistas da ría (agora limitadas pola nova ponte).
Hai dúas especies moi comúns: a patiamarela e a chorona. As dúas están nas costas galegas durante todo o ano. Como se diferencian?
A chorona (Larus ridibundus) é máis pequena (uns 35 cm) e ten xeralmente unha mancha detrás no ollo e outra sobre el a modo de cella, cando é adulta e no inverno. No verán a cabeza pasa a ser negra achocolatada. O pico da chorona é avermellado coa punta negra; e as patas tamén son avermelladas.
A esta gaivota chámanlle reidora en castelán, máis literal do seu nome científico (ridibundus), polo seu son característico, que nós identificamos máis co choro... Ai! como somos de melancólicos os galegos!!!!


 Na imaxe vemos a gaivota chorona coas dúas riscas na cara lixeiramente difuminadas, o que significa que xa ten dous invernos enriba.

Pola contra a patiamarela (Larus cachinnans) é máis grande (uns 65 cm), ten as patas e o pico amarelos, este cunha mancha vermella na parte inferior, e as ás e o lombo agrisallados.


Véselle ben o pico amarelo coa mancha vermella na parte inferior. Algunhas manchas acastañadas das ás indican que aínda é novo. E por suposto, as patas son amarelas!


Dúas gaivotas novas, probablemente patiamarelas, sobrevoando o areal do Vilar (Corrubedo).


Hai referencias na literatura a estes paxaros. No último libro de Anxos Sumai, A lúa da colleita, aparece un episodio desacougante no que a protagonista, desorientada e soa nunha barca no mar, entra en contacto cunha gaivota:


“Calculou de debía estar no medio do mar. Estivo a piques de berrar, pero non berrou, paralizada por un pánico súbito. Algo ás súas costas, na parte da barca que non podía ver, observábaa. Sabía que a observaba. Xirouse amodo, como temendo espertar, e viu o perfil dereito dunha gaivota pousada sobre o bordo. Estaba tan queda que ela tamén ficou inmóbil, mirándoa. Era dun branco inmaculado, co pico amarelo virado cara ao amencer. Pareceulle tan incriblemente fermosa que sentiu medo de novo, pero asustouse aínda máis cando viu o sangue a esvarar polas patas do paxaro. Entón foi consciente das feridas dos brazos, das unllas rotas, dos ombros peteirados.
(…)
… Coa auga polas coxas, camiñou ata unha rocha próxima. Entón buscou a gaivota, quería volver sentir a paz da gaivota branca pousada na barca. E alí estaba, inmóbil no mesmo lugar, mostrando o seu perfil. Só que ese novo perfil xa non era tan branco nin tan inmaculado: tiña a á esgazada, coma se lle arrancasen a carne a dentadas. Os ósos descarnados mostrábanse case tan limpos coma as relucentes plumas do perfil dereito, se non fose polo sangue que a cubría desde a cabeza ata as patas.”


Esta ben podería ser a gaivota ensanguentada .

O son que emiten as gaivotas é ben coñecido por todos, mesmo a xente do interior (non hai que esquecer que se adentran quilómetros terra adentro para alimentarse nos vertedoiros). Poden facernos sentir na praia porque aí é onde as ubicamos, pero Anxos Sumai dálle unha nova perspectiva, cando Nuria, a protagonista cre oír o berro dunha muller que se precipita ao chan desde o alto dun edificio; para tranquilizala dinlle: "-Tranquila. Son as gaiotas. As gaivotas berran coma seres humanos."

Rulas

Polos montes de Catoira podemos atopar os dous tipos de rulas existentes: a común e a turca. Curiosamente a común visítanos nas estacións cálidas (primavera e verán), mentres que a turca reside aquí todo o ano. As rulas son máis estilizadas cás pombas, sobre todo véselles o pescozo máis fino, con unha ou máis raias nel. E aí reside unha das diferencias entre a turca e a común. Vexamos como distinguilas.
A rula común ten no pescozo tres raias negras finas, mentres que a turca só ten unha. Ademais a común ten o lombo manchado e pinto mentres que a turca ten unha cor parda uniforme. Para ilustralo deixamos unhas fotos que poden axudar.
Estas dúas imaxes son dunha rula común (Streptopelia turtur)

 Véselle as tres franxas no pescozo e a plumaxe das ás pintas.

Nesta foto non se aprecian as manchas do pescozo pero si moi ben o lombo.

Desde hai uns días temos unha rula común dándonos concertos matutinos e vespertinos, sen tino. Ben enriba do poste da luz, do cable, dunha parede ou dalgunha árbore.

A rula turca (Streptopelia decaocto), como se aprecia nas fotos, ten a cor máis uniforme e unha soa risca na caluga:



Quizais polo seu son ou porque nos visita no bo tempo, asociamos as rulas coa ledicia e tamén coa fidelidade. Hai un poema no libro Follas novas de Rosalía de Castro, no que cita ás rulas desde outro punto de vista, pois a rula provoca na muller o efecto contrario, xa que lle fai lembrar o home emigrado.

Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
 Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virme a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo o seu compás...;
ferve o pote..., mais, meu caldo,
soíña te hei de cear.
Cala, rula; os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que se cantas,
sinto negras soidás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime onde está.

24 de maio

Paseo de tarde polo monte da Cabana. Saímos ás 18'15 e vimos vellos amigos: o peto real pasou ao noso carón; os subeliños e outros ferreiros acompañáronnos bailando ao noso redor; o pimpín quería saír na foto,... e finalmente atopamos coa rula común que, índa que cremos que a vimos moitas veces antes, sempre nos quedaba a dúbida de se era a turca ou a común porque a viamos ao lonxe, á sombra ou a contraluz. Así que a damos por cazada:

66. Rula común (Streptopelia turtur):


sábado, 17 de maio de 2014

Donceliña vermella

Case non temos dúbida ningunha de que se trata dunha donceliña vermella (Pyrrhosoma nymphula). Parece que esta especie é moi común en Galicia, e, como di Miguel A. Fernández-Martínez, é unha sorte que sendo tan abundante sexa tamén tan fermosa.




mércores, 14 de maio de 2014

13 de maio

Paseo por Quiroga ás 4 da tarde. Manu avistou tres novos paxaros que engadiremos á lista. Non hai fotos deles pero, como sempre, non hai engano. Non poñemos nada que non esteamos seguros ao cen por cen; así que:
63. Ouriolo común (Oriolus oriolus)
64. Andoriña de cu branco (Delichon urbica)
65. Vencello común (Apus apus)


As imaxes que temos non son moi boas e do ouriolo non hai ningunha, así como tampouco hai dúbida ningunha de que era un ouriolo..

sábado, 10 de maio de 2014

Candil tenazado

O candil curvado (Onychogomphus uncatus) é outra libélula que atopamos por Catoira. Custounos distinguila do candil tenazado, pero finalmente grazas á inestimable axuda dun auténtico coñecedor de libeliñas, xa podemos asegurar que é un uncatus. Grazas Martiño pola axuda!




Tizon de Bolton

No monte da Cabana tamén hai o tizón de Bolton (Cordulegaster boltonii). Vémola de xeito regular.



9 de maio

O que teñen de bo os paxaros é que voan e pasan por diante de nós inesperadamente. Non era unha viaxe de avistamento de paxaros pero un deles acudiu a nós. Tratábase nada máis e nada menos ca dunha bubela. Ás sete dunha tarde calurosa, na autoestrada xa preto de Pontevedra (desde Santiago) cruzóusenos unha bubela, que aínda non viramos desde había anos.

62. Bubela común (Upupa epops): os dous a recoñecemos de inmediato pola súa cor e as franxas brancas e negras tanto nas ás coma na cola. Manu tamén lle viu o pico longo e lixeramente curvado. A crista non nos deu tempo a vela. Non houbo tempo para fotografías, pero deixamos esta ilustración que fixo Manu:

xoves, 8 de maio de 2014

Libélula de cu negro

Libélula de cu negro (Orthetrum cancellatum); tamén fotografada no monte da Cabana. Precisamos dun tleobxectivo para a cámara porque non é doado percibir as súas características. Nesta zona do monte só hai un pequeno regato e non moi preto de onde as avistamos.





Nesta foto non se lle ve precisamente o cu negro.

Emperador grande

Adentrámonos no mundo das libélulas con moito interese pero con moito medo. Semellan todas iguais, só distinguibles pola cor; pero nunha análise máis detida, sobre todo para un ollo experto coma o de Manu, pódense ver moitas cousas: a forma do corpo, o debuxo, a cor, as seccións, os apéndices,... e moitas cousas máis. Nós mercamos a Guía das libélulas de Galicia de Miguel A. Fernández-Martínez, editada por Baía edicións, e guiarémonos a través dela. Pedimos desculpas por adiantado porque aínda nos falta experiencia á hora de determinar a súa especie.
A primeira que identificamos foi a Emperador grande (Anax imperator). Como case todas as que fotografamos, atopámola moi preto da casa, no monte da Cabana. Sorpréndenos que haxa tantas nesa zona porque está no medio do monte e apenas hai un regato á vista. Deixamos unhas imaxes que constatan a súa presenza nos montes de Catoira.







xoves, 1 de maio de 2014

1 de maio

1º de maio. Día do traballo; unha boa forma de celebralo é paseando na procura de novos avistamentos de aves. O destino: Meaño e O Grove. Na enseada de Meaño atopamos aves xa vistas con anterioridade: lavancos reais, gaivotas reidoras e de patas amarelas; pero ao seu carón había moitos mazaricos chiadores; máis tarde na praia da Lanzada avistamos tamén un par de carráns cristados e de novo o mazarico, cremos que era o chiador aínda que o vimos desde bastante distancia; tamén unhas lavercas comúns e un par de lavadeiras verdeais. En definitiva, tres novas especies que engadir á nosa lista.

59. Mazarico chiador (Numenius phaeopus): eran as 16'15 da tarde, lucía o sol pero á vez sopraba un vento frequiño. Había moitos exemplares, chiando constantemente, que fuxían ao noso paso.

 As raias na cara axudáronnos a identificalo.




60. Laverca común (Alauda arvensis): xa a simple vista apreciamos a súa crista arrichada, aínda que non sempre se ve claramente. Eran as 17'30 e atopamos unha parella nas dunas da praia da Lanzada (O Grove), a carón da pasarela de madeira.

 Camúflase moi ben coa contorna, como se pode apreciar nestas fotos.


Voando apréciase como o borde exterior da cola é branco, o que distingue da cotovía dos camiños, moi parecida a esta pola crista, a cor...


61. Lavandeira verdeal (Motacilla flava): rechamante a súa barriga amarela!!! Vista tamén nas dunas da Lanzada. Apreciamos varios exemplares (tres ou catro). 

 Pódese apreciar o papo branco e as costas oliváceas.


Curiosa imaxe voando. Isto si que é cazalas ao voo!