A rula común ten no pescozo tres raias negras finas, mentres que a turca só ten unha. Ademais a común ten o lombo manchado e pinto mentres que a turca ten unha cor parda uniforme. Para ilustralo deixamos unhas fotos que poden axudar.
Estas dúas imaxes son dunha rula común (Streptopelia turtur)
Véselle as tres franxas no pescozo e a plumaxe das ás pintas.
Nesta foto non se aprecian as manchas do pescozo pero si moi ben o lombo.
Desde hai uns días temos unha rula común dándonos concertos matutinos e vespertinos, sen tino. Ben enriba do poste da luz, do cable, dunha parede ou dalgunha árbore.
A rula turca (Streptopelia decaocto), como se aprecia nas fotos, ten a cor máis uniforme e unha soa risca na caluga:
Quizais polo seu son ou porque nos visita no bo tempo, asociamos as rulas coa ledicia e tamén coa fidelidade. Hai un poema no libro Follas novas de Rosalía de Castro, no que cita ás rulas desde outro punto de vista, pois a rula provoca na muller o efecto contrario, xa que lle fai lembrar o home emigrado.
Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virme a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo o seu compás...;
ferve o pote..., mais, meu caldo,
soíña te hei de cear.
Cala, rula; os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que se cantas,
sinto negras soidás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime onde está.
Ningún comentario:
Publicar un comentario