xoves, 1 de maio de 2014

1 de maio

1º de maio. Día do traballo; unha boa forma de celebralo é paseando na procura de novos avistamentos de aves. O destino: Meaño e O Grove. Na enseada de Meaño atopamos aves xa vistas con anterioridade: lavancos reais, gaivotas reidoras e de patas amarelas; pero ao seu carón había moitos mazaricos chiadores; máis tarde na praia da Lanzada avistamos tamén un par de carráns cristados e de novo o mazarico, cremos que era o chiador aínda que o vimos desde bastante distancia; tamén unhas lavercas comúns e un par de lavadeiras verdeais. En definitiva, tres novas especies que engadir á nosa lista.

59. Mazarico chiador (Numenius phaeopus): eran as 16'15 da tarde, lucía o sol pero á vez sopraba un vento frequiño. Había moitos exemplares, chiando constantemente, que fuxían ao noso paso.

 As raias na cara axudáronnos a identificalo.




60. Laverca común (Alauda arvensis): xa a simple vista apreciamos a súa crista arrichada, aínda que non sempre se ve claramente. Eran as 17'30 e atopamos unha parella nas dunas da praia da Lanzada (O Grove), a carón da pasarela de madeira.

 Camúflase moi ben coa contorna, como se pode apreciar nestas fotos.


Voando apréciase como o borde exterior da cola é branco, o que distingue da cotovía dos camiños, moi parecida a esta pola crista, a cor...


61. Lavandeira verdeal (Motacilla flava): rechamante a súa barriga amarela!!! Vista tamén nas dunas da Lanzada. Apreciamos varios exemplares (tres ou catro). 

 Pódese apreciar o papo branco e as costas oliváceas.


Curiosa imaxe voando. Isto si que é cazalas ao voo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario