xoves, 31 de xullo de 2014

Escribenta liñaceira

Hai moitos tipos de escribentas: en Catoira vemos habitulamente a liñaceira e a riscada, bastante semellantes aínda que a liñaceira ten a cabeza amarela riscada en regro. As dúas son moi comúns e están con nós todo o ano. As outras variedades son estacionais ou localizadas en áreas moi concretas de Galicia.


 Vémola tanto no monte coma preto das casas, enriba de postes, nas árbores,...


O seguinte diálogo, no que se fala das escribentas, aparece no libro Iria de Anxo Angueira :

“-Miguéns, para. Escoitas? Que paxaro é ese?
Miguéns chosca o ollo chosco.
-É a escribenta. Chámanlle escribenta porque os seus ovos teñen letras, pon os ovos escribidos. Nunca os viches?”

martes, 29 de xullo de 2014

Arroaces na ría de Arousa

As xornadas de praia destes últimos días estiveron amenizadas polos arroaces (un tipo de golfiños), que nadaban polo Ulla na procura de sardiñas. Era un fermoso espectáculo do que moita xente nin se decatou. A verdade é que non estamos seguros de se eran arroaces ou outro animal semellante; pero é moi común na ría cando se avista unha aleta identificala como a dun arroaz; é quen somos nós para dubidar da sabedoría popular?




      


Nestas fotos tomadas na praia das Cunchas (Rianxo) van dous xuntiños.




Son animais moi intelixentes aos que se lles atribúen estratexias de caza en grupo. Teñen un alto nivel de comunicación e interacción social entre eles. Normalmente son moi aprezados polos seres humanos agás por algúns pescadores aos que lles chegan a arrebatar o peixe que traen entre as redes. Aínda así antigamente había lendas que falaban de rescate de náufragos por parte dos golfiños.


Nesta imaxe, co reflexo do sol nas costas,... non parece unha orca?

Houbo unha campaña internacional en contra do consumo de carne de atún, pois sóubose que entre as redes que atrapaban os atúns acababan tamén moitos golfiños. Se vos fixades, nalgunhas latas de atún aparece un logotipo que advirte de que non matan golfiños durante a pesca do peixe.O símbolo é coma este ou parecido, normalmente pon a lenda "Safe" ou "Dolphin safe"






Este tipo de golfiño foi moi coñecido a partir da serie de televisión Flipper (Aleta)

28 de xullo

Noite de insomnio. Pero ata disto se pode tirar proveito. Ás seis e media da mañá, baixo un ceo cheo de estrelas, falou o moucho común. Non hai foto nin se viu, pero oiuse; así que contabilizámolo:

73. Moucho común (Athene noctua): o son que emite fixo que o identificásemos con facilidade.

sábado, 12 de xullo de 2014

Píllara papuda



A píllara papuda (Charadrius morinellus)  é un pequeno e nervioso paxaro que aniña nas dunas e nas praias. Hai moitas na zona da praia do Vilar e no complexo dunar de Corrubedo. Sempre me chamou a atención cando chegaba a esas praias que había carteis avisando aos bañistas para que non molestasen as píllaras papudas mentres aniñaban, e mesmo tiñan acordoado un espazo para evitar achegarse a elas nese delicado momento.
É moi pequena (uns 15 centímetros) coa parte inferior moi branca e a superior de cor crema. O ollo está atravesado por unha liña (negra no caso dos machos e parda no das femias) e ten unha marcha alongada entre as ás e a cabeza (de novo negra nos machos e crema nas femias). Os machos teñen na fronte un anaco negro. Vamos, que aos machos lles vai a cor negra nos detalles, tal e como se aprecia na imaxe seguinte:


Realmente confúndense co medio no que se moven: non é doado velas ata que case tocas con elas. De feito, esta última vez que a vimos o que nos chamou a atención foi o chío dunha das crías. As súas cores mimetízanse coa area e as cunchas. Na foto de abaixo vemos a femia, con cores máis crema que o macho:



En castelán chámase "chorlitejo patinegro".



A foto anterior amosa a nai coas crías. Ela amósase moi protectora, e podemos constatalo, pois vímola atacando unha gaivota para espantala da zona onde estaban as crías; a esa píllara e a esa gaivota conseguimos fotografalas xusto antes do ataque de David a Goliat; aínda que non se ve ben, a píllara é esa cousa case imperceptible que está diante da gaivota.


Ben pensei, cando a gaivota botou a voar perseguida pola píllara, que ía dar media volta, abrir o peteiro e tragar a píllara dunha sentada; pero non, marchou a fume de carozo coa anana peteirándolle o rabo.

12 de xullo

Hoxe a praia elixida foi o Vilar en Ribeira. Que ben se estaba alí!!! O aire refrescaba a ameazante calor; o Atlántico, coas súas ondas masaxeadoras, acobillaba unha boa fauna: píllaras papudas, gaivotas de patas amarelas, corvos mariños e algún tipo de carrán ao lonxe que se lanzaba en picado ao mar na procura de peixe. De entre todos eles puidemos albiscar tamén un gaivotón atlántico, que aínda non viaramos este ano:

72. Gaivotón atlántico (Larus marinus): entre unha morea de gaivotas patiamarelas avistamos uns tres exemplares bastante máis grandes ca estas e cunha cor moito máis escura nas ás. Xa sabemos que o gaivotón é máis ben invernal pero tamén se ve noutras épocas do ano. Vímolo sobre as 16 horas.





11 de xullo

Tarde na praia das Cunchiñas (en Rianxo), unha pequena e fermosa cala que acabou convertida nunha praia. Sobre as 16'30 fixemos o avistamento dun miñato, aínda que naquel entón non sabiamos cal. Como sempre levamos a cámara connosco, fixemos fotos e na casa comprobamos que clase de miñato era o que nos sobrevoaba:

71. Miñato abelleiro (Pernis apivorus): sobrevoou el só, de xeito apacible, o areal; deu unhas voltas e marchou por onde viñera.


martes, 8 de xullo de 2014

Xílgaro común

O xílgaro común (Carduelis carduelis) é un paxaro famoso polo seu canto (variado aínda que pouco potente), pero o seu corido é tan rechamante como o seu son: a cara vermella e as ás con manchas amarelas fanse ver entre o branco, o negro, o marrón e o crema que o visten na súa maioría.

  






Avistámolo en zonas de Galicia afastadas entre si, desde a costa (Pontedeume ou Catoira) ata o interior (O Barco e Quiroga). A verdade é que en Catoira só o vimos unha vez hai un par de anos; pillámolo xusto cando estaba comendo nun niño de procesionaria; só soubemos que era un xílgaro ao ampliar a foto. É o momento que ilustra a seguinte foto:





A literatura tamén se fai eco deste paxaro, e para mostra aquí queda un poema de Álvaro Cunqueiro pertencente a Herba aquí e acolá:



EN CUIXÁ

Aquí gardaron os monxes
día e noite, verán e inverno,
o berce de Xesús.
Prata e ouro e pedras finas
puxéronlle, de adorno
pro debaixo estaba a madeira,
a vella madeira onde durmiu o Neno,
que na baranda aparecía gastada,
onde a nai poñía a man, para mecelo.
Un día, homes tolos e revoltos de si,
romperon e queimaron o berce.
Pro a cinza resucitou ao terceiro día
e agora é ramas verdes dos choupos
ou un xílgaro escisado nun alcipreste:
unhas co ventiño de abril,
e outro co seu canto,
anainan ao Neno que no Paraíso
coida que segue durmindo en Cuixá.

luns, 7 de xullo de 2014

5 de xullo

Visitamos Pontedeume co gallo da feira medieval, pero sempre queda un oco para pasear pola beira do paseo marítimo na procura de novos avistamentos. Ademais de ver moitos paxaros xa contabilizados, atopamos dúas novas especies: a gabita euroasiática e o miñato queimado.

69. Gabita eurasiática (Haematopus ostralegus): había varios exemplares alimentándoseaproveitando a marea baixa.

70. Miñato queimado (Milvus migrans): foi inesperada a súa presenza pero pasou por riba de nós como desexando ser visto; logramos fotografalo, non sei ben como porque liscou a fume de carozo.

Dubidamos con respecto ao miñato real pero este é máis claro có que vimos.

Gabita eurasiática

Vimos a gabita eurasiática (Haematopus ostralegus) en Pontedeume, o 5 de xullo sobre ás cinco da tarde dun día gris que ameazaba chuvia, observamos varios exemplares no medio da ría; estaban mesturadas con gaivotas choronas, lavancos reais e garzotas comúns, como se pode ver na seguinte foto:

Aproveitando a marea baixa estaban picando no limo na procura de alimento.

 
Pode verse por toda a costa galega e  europea.
Nesta imaxe aparece unha parella de gabitas.

 Nesta foto vemos un exemplar inmaturo, que ten a plumaxe invernal, con ese círculo branco arredor do pescozo.

 Na imaxe vense as súas características: pico vermello, ventre branco e cabeza, ás e o dorso negros.

 Voando véselle na parte superior das ás unha franxa branca que as percorre.


Pola parte inferior é toda branca cunha zona negra no final das ás.

Pode verse por toda a costa galega e  europea. Aínda que se supón que é invernante nós vímola o 5 de xullo.


martes, 1 de xullo de 2014

29 de xuño

Paseo polo Courel. Oímos moitísmos paxaros pero velos era complicado. Demasiadas follas nas árbores. E os que logramos ver xa os vimos anteriormente: ferreiros comúns, pegas marzas, xiríns, andoriñas comúns e dos penedos,... a única novidade foi a perdiz rubia que nos saiu ao medio da estrada dándonos a benvida ao Courel.

68. Perdiz rubia (Alectoris rufa). Un pouco antes de chegar a Folgoso do Courel desde Quiroga, ás 11'05, avistamos, paseando pola estrada, unha perdiz rubia. Estaba soa, parada ata que oiu o coche e deu uns paseos curtos. Sacamos fotos en marcha (non había onde aparcar). Distínguese bastante ben aínda que a calidade non é moi boa.