Avistámolo en zonas de Galicia afastadas entre si, desde a costa (Pontedeume ou Catoira) ata o interior (O Barco e Quiroga). A verdade é que en Catoira só o vimos unha vez hai un par de anos; pillámolo xusto cando estaba comendo nun niño de procesionaria; só soubemos que era un xílgaro ao ampliar a foto. É o momento que ilustra a seguinte foto:
A literatura tamén se fai eco deste paxaro, e para mostra aquí queda un poema de Álvaro Cunqueiro pertencente a Herba aquí e acolá:
EN CUIXÁ
Aquí gardaron os monxes
día e noite, verán e inverno,
o berce de Xesús.
Prata e ouro e pedras finas
puxéronlle, de adorno
pro debaixo estaba a madeira,
a vella madeira onde durmiu o Neno,
que na baranda aparecía gastada,
onde a nai poñía a man, para mecelo.
Un día, homes tolos e revoltos de si,
romperon e queimaron o berce.
Pro a cinza resucitou ao terceiro día
e agora é ramas verdes dos choupos
ou un xílgaro escisado nun alcipreste:
unhas co ventiño de abril,
e outro co seu canto,
anainan ao Neno que no Paraíso
coida que segue durmindo en Cuixá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario