A píllara papuda (Charadrius morinellus) é un pequeno e nervioso paxaro que aniña nas dunas e nas praias. Hai moitas na zona da praia do Vilar e no complexo dunar de Corrubedo. Sempre me chamou a atención cando chegaba a esas praias que había carteis avisando aos bañistas para que non molestasen as píllaras papudas mentres aniñaban, e mesmo tiñan acordoado un espazo para evitar achegarse a elas nese delicado momento.
É moi pequena (uns 15 centímetros) coa parte inferior moi branca e a superior de cor crema. O ollo está atravesado por unha liña (negra no caso dos machos e parda no das femias) e ten unha marcha alongada entre as ás e a cabeza (de novo negra nos machos e crema nas femias). Os machos teñen na fronte un anaco negro. Vamos, que aos machos lles vai a cor negra nos detalles, tal e como se aprecia na imaxe seguinte:
Realmente confúndense co medio no que se moven: non é doado velas ata que case tocas con elas. De feito, esta última vez que a vimos o que nos chamou a atención foi o chío dunha das crías. As súas cores mimetízanse coa area e as cunchas. Na foto de abaixo vemos a femia, con cores máis crema que o macho:
En castelán chámase "chorlitejo patinegro".
A foto anterior amosa a nai coas crías. Ela amósase moi protectora, e podemos constatalo, pois vímola atacando unha gaivota para espantala da zona onde estaban as crías; a esa píllara e a esa gaivota conseguimos fotografalas xusto antes do ataque de David a Goliat; aínda que non se ve ben, a píllara é esa cousa case imperceptible que está diante da gaivota.
Ben pensei, cando a gaivota botou a voar perseguida pola píllara, que ía dar media volta, abrir o peteiro e tragar a píllara dunha sentada; pero non, marchou a fume de carozo coa anana peteirándolle o rabo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario