sábado, 27 de decembro de 2014

27 de decembro

O que é dispor de tempo libre e gañas de superar a barreira dos cen!!! Paseo por casa. Quedamos en Catoira, percorrendo parte do paseo por detrás de Cedonosa. Por susposto vimos gaivotas choronas, unha garza real, un corvo mariño, un bilurico bailón, estreliñas riscadas a montes, pegas rabilongas, unha lavandeira real, un ferreiro bacachís, un miñato común pousado nunha viña e... un novo paxaro:

101. Pincaouro común (Carduelis spinus): sobre as catro da tarde había varios exemplares sobrevoándonos, logramos tirar fotos e identificalo.




 


 

venres, 26 de decembro de 2014

26 de decembro

Aproveitando o bo tempo invernal decidimos achegarnos ata a Lanzada, concretamente á zona do complexo intermareal Umia-O Grove para avistar máis paxaros. Moitas garzas reais, algún corvo mariño, zancudas inidentificables desde a distancia, carráns cristados, lavandeiras reais, e patos, moitos patos, sobre todo lavancos reais, pero no medio... unha nova especie. Pero antes, ao pouco de saír da casa, en Catoira, fotografamos un paxaro nunha silveira; ao chegar a casa sorprendémonos porque aínda non o viramos, así que... outros dous exemplares máis:

99. Picaxuncos común (Cisticola funcidis): sobre as tres e media da tarde, fría pero soleada, veu pousarse sobre unha silveira, mirounos, deixouse fotografar e liscou. A proba queda nesta imaxe:



100.Pato asubión europeo (Anas penelope): había un montón, mesturados cos lavancos reais; a cor vermella da cabeza, a parte de atrás branca,... non deron lugar a dúbidas.


xoves, 25 de decembro de 2014

As fotos de Rita

Hoxe acompañounos Rita durante o paseo vespertino polas marxes do Ulla; comezamos en Catoira e alí, moi preto na nova ponte do AVE vimos ao martiño peixeiro pasar voando, en voo rasante e a toda velocidade, inconfundible coa cor azul verdosa das súas costas. Manu logrou tirar a foto mentres Rita e mais eu flipabamos.


Tamén avistamos garzas reais; había alomenos tres, tranquilas, nun dos illotes do río.



Tamén corvos mariños; un deles fixo un tremendo ruído batendo as súas ás na auga, cremos que para espantar unha garza real que fuxía diante del, como se pode ver na foto:



De Catoira liscamos cara a Bamio, a unha pequena praia na entrada, xunto o mar pequeno. Ao chegar alí quedamos coa boca aberta: a paisaxe era tan fermosa que fixo que Rita exclamase:"O que se perden os que viven en Madrid". Aquí queda unha das fotos que sacou Rita, non me digades que non ten bo ollo!


 
Esta primeira parada en Bamio deixounos unhas preciosas fotos, tamén na retina, un pilro voando que non logramos identificar e un grupo indefinido de patos nadando no medio da ría. Como a marea estaba alta non puidemos pasear moito así que botamos a andar (en realidade fumos en coche) cara á praia que está ao lado do camping de Bamio.
 
Fixémolo en boa hora pois o luscofusco era espectacular. Como dicía Rita, a nosa paisaxe é tan fermosa coma calquera outra e mesmo máis.
 

 
O mellor foi que naquel solpor rosa, laranxa, verde, etc. recortábase a silueta de dous cullereiros, co seu gran pico.


Aquí quedan outras fotos do atardecer sacadas por Rita:





25 de decembro

O Apalpador deixoounos un fermoso agasallo en forma de solpor de cores en Bamio: laranxa, azul turquesa, rosa, vermello, verde... e unha nova especie que contabilizamos a fume de carozo:

98. Cullereiro común (Platalea leucorodia): sobre as 6 da tarde desde a praia de Bamio (xunto ao camping e o cemiterio) avistamos ao lonxe dous exemplares. Desde a distancia parecían garzas pero cos prismáticos xa vimos que non. Ao achegarnos xa vimos dous cullereiros, un deles sempre cunha pata erguida. Cando botaron a voar mantivo a pata caída; mesmo cando algo máis tarde volveron seguía igual, posiblemente a tivese ferida ou rota.

domingo, 21 de decembro de 2014

21 de decembro

Onte quedamos con ganas de percorrer todo o parque natural de Carreirón, na Illa de Arousa. E alá fumos de novo aproveitando a tarde de sol. Sacamos bo proveito xa que vimos outras tres especies novas que axiña sumamos:

95. Mazarico rabipinto (Limosa lapponica): entre unha morea de píllaras alí asomaba un pico longo, metade avermellado e metade negro. Iso, a cor xeral, as listas do rabo e mais a cor das patas axudáronnos a identificalo. Na foto non se ve ben o rabo, e está algo desenfocada; realmente está recortada para illalo de todo o grupo.



 
96. Píllara cincenta (Pluvialis squatarola): había un montón e axiña nos decatamos que entre elas había outros tipos de píllaras, algunhas xa vistas este ano como a píllara riscada.




 

 
 
97. Píllara dourada europea (Pluvialis apricaria): non é doada distinguila da anterior pero notamos nelas uns lixeiros tons dourados que nos fixeron sospeitar ata determinar que si eran distintas. Aínda que na foto non se aprecie, si o vimos claro cos prismáticos.
 





sábado, 20 de decembro de 2014

20 de decembro

Despois de varios días sen poder saír a avistar paxaros por fin nos achegamos ata a Illa de Arousa, ao parque natural de Carreirón. Logramos ver tres novos exemplares:

92. Galiña de río (Gallinula chloropus): vímola desde un observatorio para paxaros; nada máis vela xa sabiamos que non a tiñamos contabilizada este ano: pico vermello rechamante, cor negra, raias branca nas ás e no rabo,...


93. Mazarico curlí (Numerius arquata): vaia pico!!! É o máis vistoso deste paxaro; de feito estaban moi lonxe pero era imposible non distinguir semellante pico. Como se aprecia na foto, había varios exemplares, moitos deles pousados sobre unha soa pata. Aínda que na imaxe non se ve moito, si puidemos vela mellor cos prismáticos.



94. Picafollas europeo (Phylloscopus collybita): xa estabamos rematando a visita cando se puxo ao noso lado. As características, a época e o lugar leváronnos ata el.


sábado, 13 de decembro de 2014

Lagarteiro peneireiro


Como non temos unha foto decente, Manu debuxou o lagarteiro peneireiro macho (Falco tinnunculus) que ve ultimamente desde o tren, máis ou menos á altura de Osebe (entre Osebe e a Escravitude). É doadamente confundible co lagarteiro buxarelo, pero este é moito menos abundante, un pouco máis pequeno (uns 10 centímetros) e non ten manchas nas costas. A femia é máis grande e non ten zonas gris-azuladas na cabeza e na cola que identifican o macho. É toda ela apencada.
Sosteñen moi ben o voo, podendo manterse sobre unha zona concreta. Cazan animaliños: réptiles, insectos e mamíferos pequenos.
É moi fermoso e Manu viuno facendo un xiro case en L e de costas. Apreciou perfectamente o lombo arrubiado, e a cabeza e rabo cincentos azulados.

luns, 8 de decembro de 2014

Paseo matinal

 

A mañá resultou agradable en contra do que se anunciaba. As raiolas do sol queceron o bosque e salferírono desa luz outoniza que o converte todo en ouro. Oímos a chuvia sen nubes. Un ventiño suave abaneaba as pólas e caían sutís gotas a centos; oíase a chuvia e non chovía das nubes, chovía das árbores! Pouca animalada, só paxaros galbáns pouco dispostos a espreguizarse; algún cantaba, soíño no escenario. Temén as lesmas paseaban gozando da humidade que se reflectía na súa pel negra. Sospeitamos da presenza do falcón ao ver unha bandada de pombas fuxir a fume de carozo sobrevoando as copas das árbores; ao pouco, seguíndoas, unha silueta fugaz e sospeitosamente estilizada. Os nosos ollos non chegaron a definila.



O ciclo da auga diante dos nosos ollos. A luz, a calor, do sol secaba os fentos e a néboa artellábase diante de nós. A lene raxeira tamén nos  quece e parados nun recuncho do camiño entramos en calor.
Xa ao final, o canto dun paporrubio chama a nosa atención; estaba ao lado pero non podiamos velo. Só o puidemos facer cando se moveu pero é que estaba moi ben camuflado. Védelos na foto de abaixo? Onde está o noso Wally cantor?




domingo, 7 de decembro de 2014

6 de decembro


Volvemos á enseada de Meaño para ver as visitas invernais. Sobre as tres e media da tarde dun día moi frío e soleado, aínda que con algunhas nubes, puidemos avistar unha mestura de aves mariñas en pacífica convivencia: lavancos reais, gaivotas choronas, escuras e patiamarelas, corvos mariños, garzotas comúns e garzas reais, pilros, patos cullerete (por fin sacamos a foto), etc. Entre eles algún que non viramos este ano, así que aumentamos a lista do seguinte xeito:

88. Cerceta real (Anas crecca) co seu característico triángulo amarelo-alaranxado na zona da cola e a raia branca sobre as ás. Case podemos xurar que no medio andaba algunha cerceta de Carolina pero como non estamos seguros, mellor non a contamos.



89.Bilurico bailón (Actitis bypoleucos): pola cor, o nerviosismo, as patas, o pico,... decantámonos por el.







Tamén observamos outros paxaros máis "de secano", nas fincas próximas ao mar. Un par non vistos ata o de agora:

90. Estorniño pinto (Sturnus vulgaris): ían en bandadas xunto cos estorniños negros. Pousaron enriba dunha viña e acabaron por collerlle gusto ao alto dunha torre do tendido eléctrico.



91. Liñaceiro común (Carduellis cannabina): ten xa a plumaxe de inverno, subtituíndo o rechamante vermello por un suave rosa. E, si... precisamos un bo obxectivo!!!!!!








mércores, 3 de decembro de 2014

30 de novembro


Esta pica dos prados é o último avistamento polo de agora que axiña contabilizamos:

87. Pica dos prados (Anthus pratensis). Ollámola o domingo 30 nas beiras do Ulla, xusto entre Bamio e Catoira e non saberiamos dicir en cal dos dous concellos estaba nese intre. Eran as 4'30 dunha tarde agradable e coa marea baixa. Estaba escorrentando un rabirrubio femia da súa pedra.
Deixamos os dous paxaros discutindo porque saímos a fume de carozo  a ver A esmorga no cine. Bestial! Tres enormes actores saíndo da pantalla para levarnos con eles á vella Auria; canda eles bebemos caña, mollámonos, rimos, choramos de rabia... Unha mágoa que Blanco Amor non puidese vela!