venres, 23 de xuño de 2023

Os paxaros suicidas


Volvendo do traballo atopo cadáveres de paxaros nas beiravías. Unha gaivota que supoño non foi quen de remontar o voo diante dun camión. Xa na vía rápida, outro que nun fun capaz de identificar; unha pomba? unha bubela? Máis adiante un dos pequerrechos, quizais un modesto pardal. Isto mesmo repítese durante varios días. Onte pasei xunto a unha enorme camelia vermella tirada no chan; a realidade foi dolorosa cando descubrín as plumas. Varios paxaros pasan rasantes por diante do coche. Unha pega rabilonga descansa retorta e deforme ao lado dun contedor de vidro co azul aínda nas ás. 

Ou nós corremos de máis ou eles andan desorientados. Son as vítimas das nosas ansias. Vou conducindo e imaxino unha distopía. Pensamento paranoico. Os paxaros suicídanse ante nós, negándose a seguir o ritmo que lles marcamos, cansos de recoller os restos alimentarios sempre a furto, cun ollo neses bechos que aparecen da nada ruxindo e cuspindo fume. Véxoos voando directos aos coches, grallando, piando... co peteiro tan aberto que podemos verlles os pulmóns. Acaban no parabrisas, nos capós, debaixo das rodas, para reclamar o seu ámbito de liberdade. Xa sei, parece unha película de Shyamalan ou unha versión actualizada de Os paxaros de Hitchcock.  

A mente marcha por onde ela quere. Cómpre reencamiñala para non ver paxaros suicidas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario