venres, 30 de xuño de 2023

Eu fronte á pega

Acabo de poñerme nerviosa. Non hai razón. Ningunha. Pero apareceu a presión do peito, sen máis. Tomo un ansiolítico porque me coñezo. Deixo o ordenador e intento fuxir do traballo. Léolle a mamá un capítulo dun libro, pero non me presta atención. Hoxe está pendente dun fío imaxinario que trata de facer pasar por unha agulla tamén imaxinaria. Chámoa e mírame con expresión de Que queres? Por que me interrompes? Pídolle mimos; aqueles que non me deu de nena. Repouso a cabeza no seu colo e ponme amodo a man sobre ela. Remexe con delicadeza no meu pelo durante uns segundos ata que volve a enfiar a agulla. 

Busco outra fonte de relaxación e fíxome no gato que dorme na cama do lado. Déitome ao seu carón e recibe con gratitude as caricias que lle dou. Pero non recibo nada a cambio. 

Detéñome e procuro unha razón para este nerviosismo inxustificado. Quizais sexan os flocos pendentes dos informes que cómpre entregar. Esas puntilliñas miúdas, tres, catro palabras como moito que non poden ser completadas aínda. Cómpre esperar a... calquera cousa que evita solucionar este maldito trámite. Pero se só son unhas palabras irrelevantes en realidade; como pode afectarme iso? Lembro, de súpeto, que teño pendente tamén saír a recoller a alguén, ou a levalo, xa non sei; e a comida de mañá ou mesmo a cea desta noite. Hoxe solucionei moitas cousas, papeis sobre todo, pero falta rematalas con esas catro malditas palabras, ou só tres. Falta rematalas. 

Non entendo como estas cativezas me poden crear ansiedade. Hai unha pega no valo de pedra que ten problemas máis graves cós meus. Está axexando aos lados e mirando con cobiza o pan que deixamos entre a herba para que coma. Non se atreve a baixar; sabe que hai gatos que non dubidarán en cazala aínda que non teñan fame. Segue desconfiada. Amaga con baixar pero detén o seu movemento cun bater das ás. Percibe a ameaza agochada entre os testos de xeranios. Recúa para o ciprés onde aniña; terá que esperar polo pan reseso. Ela si ten un motivo. A min ninguén me vai atacar mentres remexo na neveira algo para comer.


Ningún comentario:

Publicar un comentario