O fondo vese escuro. Sei o que vive nel: máis ras e peixes de cores con longas aletas. Peixes que coñecen o mundo da superficie, e recoñecen a xente.
Cada un no seu medio, conectados pola tenrura. A de meu tío, fóra, alimentándoos. A dos peixes, no fondo, acudindo axiña intúen a súa silueta delgada e pausada. O canciño bebendo sen molestalos. As ras xogando a ser os cantantes da lúa mentres saltan entre as follas ou se somerxen de súpeto.
É un ecosistema perfecto. Tranquilo, sereno, cheo de paz e dozura. Non importa de onde vés, nin como fales ou cantes. Ti dasme beleza, eu douche comida; ti xogas comigo, eu xogo contigo; ti flúes entre o bambú, eu abraio co espectáculo de danza.
Neste intre reina a harmonía nos dous mundos, separados por unha leve tona de insectos e pequenos lixos.
Sucede todo nun ritmo lento, como unha sesión de taichí ao amencer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario