Eu son Eva, a tentadora.
Unha muller francesa é violada por uns cen homes animados polo seu marido, quen previamente a drogaba. Se me din que é o argumento dunha película axiña o descartaría por un erro no concepto de verosimilitude. Demasiado enrevesado para ser verdade, isto é, non é crible.
Eu son Eva, a causante dos males da humanidade.
Unha camareira dun barco de CSIC suicidouse -suponse- polo acoso dos seus compañeiros e xefes. Esta situación podería darse nunha película de terror, ficción xa que logo, pero custa crer que na vida real ninguén evite tal fatalidade.
Eu son Eva, a mala muller.
Un enfermeiro viola unha anciá nonaxenaria nunha residencia. Parece que non foi a única vítima. Cine gore, nauseabundo, non apto para estómagos delicados.
Podemos seguir coas escenas inverosímiles de miles de evas: asasinadas a man das parellas, violadas en grupo, mercadoría de trata de brancas...
Evas aterradas.
De menosprezos, piropos e tocamentos sabemos todas, absolutamente todas. E de medos que se nos apegan.
Eu, Eva, teño medos que ti, home Adán, non tes. E non digas que eu che dei a mazá e a serpe.
Xa está ben de contos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario