sábado, 12 de xullo de 2025

Floreceu o lirio


Floreceu o lirio por fin. Con dúas enormes flores de cor rosa subido. Arrecende cálido e doce. E mánchame a cara, as mans e a roupa co pole amarelo. 

Teño traballo no xardín, pois os vermes atacan as roseiras, a herba medra tras os testos e o gramón estase secando.

Rego, corto, coido, podo, saco vermes, vaporizo antifungos... e a planta máis vizosa é a que teño descoidada. A flor de Pascua que merquei no Nadal segue medrando, botando follas tenras. Ben, tamén os cactus van ao seu ritmo. Intentei facer o mesmo con todas, pero non hai forma; tanto se as coido como se non, arrepóñense contra min. Hai días que as miro de esguello e nin as rego, e outros mímoas con agarimo. Por iso, este lirio me namora, porque o vin abrollar, medrar e nacer, sen máis coidados cá auga e o amparo dos gatos. 

Algunha planta rebrotou unha vez que a considerei morta. Non sei cal é problema: os insectos, os fungos, a auga, a calor, eu... Quizais perciban a ansiedade. Anoto: "controlar a reacción vexetal ao meu estado anímico".

De momento, seguirei con cautela o florecemento, mantendo certa distancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario