domingo, 13 de xullo de 2025

Malos tempos para os raposos

Buscando a frescura, permanecín debruzada na xanela pasmando ante a quietude da noite. Daquela algo a alterou, un raposo subindo pola costa que chega ata a casa. Viña nervioso, cruzando a estrada dun lado a outro; semellaba ventar na procura de alimento. Pobre animal, cada vez hai menos galiñas nos currais e coellos no monte.

De nena escoitaba na noite os berros alarmantes no galiñeiro. O raposo sempre atopaba unha fenda para entrar a pesar do esforzo de papá.

Hoxe cruceime cun morto na estrada de Xiabre. Atrapóuseme a mirada no rabo mol e na cor alaranxada. Gústanme os raposos. Atopámonos de fronte máis dunha vez no monte da Cabana. El e mais eu ficamos parados uns segundos, ollándonos  dubidosos. Eu, emocionada por avistalo, alí, salvaxe; el, preocupado pola miña reacción. Foi el o que liscou. O medo pode máis cá felicidade. 

E espero o próximo encontro no meu territorio ou no seu. 

Estou por poñer de novo un galiñeiro. E non polos ovos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario