Soño con papá e mamá. Amólame que sempre aparezan na vellez e con cadansúa enfermidade. Débiles. Perdidos. Eu continúo coidando, impotente ás veces, e curando con palabras e caricias.
O mundo paralelo dos soños enfróntannos con nós mesmos, coa realidade oculta a mantenta. Reflicten con veracidade como somos, así ao bruto, sen que as convencións actúen; e pasamos, cal surrealistas, dun chanzo a outro, sen prever nada. Non serven as leis da física, porque nada manda en nós. Voa libre o noso ser, sen lastres.
Somos realmente como nos soñamos. Eses impulsos, afagos, temores... nocturnos somos nós, sen puír -diamantes ou granito-. Soñando sabemos de que somos capaces, que arelamos, rexeitamos e amamos.
Ollámonos nun espello que nos amosa nun plano onírico o noso carácter. As liñas que trazamos a diario para manter as proporcións xeométricas da nosa vida, convértense, cando a razón nos abandona, nun mapa de impulsos primixenios, gravados a ferro na conciencia como as leis da robótica de Asimov.
Ningún comentario:
Publicar un comentario