venres, 8 de agosto de 2025

O baile das abellas




Tomo o sol entre abellas, nespras, abellóns e algunha velutina que non dou exterminado. Acompáñanme o seu zunido e o canto dalgún paporrubio. Calmoseiro e aburrimento no tórrido verán. Unha avioneta creba o lecer. Ollo desde abaixo, de cúbito supino, como avanza, branca e brillante, cara ao leste.

Amolezo coa calor e a doca dos gatos. Non hai aventuras nesta tarde máis alá do voo das abellas ao meu carón; emoción contida cando unha quedou atrapada nas miñas guedellas. Somos amigas, elas e mais eu. Doulles de beber e, a cambio, bailan para min.

Refréscome, con auga e cervexa, por dentro e por fóra. E o corpo arrefría e doe. Non son nena, nin moza. Os músculos deciden por si mesmos. E a calor queima. Transito polos lindes do tempo, desdóbrome en corpo maduro e mente moza. Non hai alternativa. Debo escoller. 

Asumir. 

Bailar coas abellas

     entre as flores do xardín.

Ou no meu pelo despeiteado pola suor e o fume.



Ningún comentario:

Publicar un comentario