sábado, 3 de xaneiro de 2026

Catro follas agarradas á póla.

É durante a época de Nadal cando chega o inverno máis cru, coas temperaturas preto do cero. Teño espertado o día 25 con mamá amosándome desde a xanela do sur o monte Xiabre cuberto de neve.

Chove, xea, caen as poucas follas que quedan dos ventos do outono. E vivimos nunha nube permanente de néboa e auga. 

Aínda así sabemos que todo volverá.

Hai evidencias, dunha primavera fructífera.

Hai follas na póla do carballo que non caen.

Ríos que lavan as pedras para recibir as enchentes de abril.

Onte fun unha folla de carballo, agarrada á póla por outras que se resisten a abandonar a árbore.

Catro folliñas, que xuntas fan un fermoso ramallo. 

Caín doutras árbores, pois o tempo abate os ánimos. Doutras desprendinme eu sen medo nin traumas.

Son as amizades que perduran no inverno pese o vento, a friaxe, a chuvia e a xeada. Estase ben acompañada na póla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario