domingo, 1 de febreiro de 2026

Nunca deixaremos de ser primitivos



Seica seguimos no antonte dos tempos. Pasaron miles, ducias de miles anos pero continuamos mantendo rastros que perduran. 

A pel de galiña debería poñer os nosos desaparecidos pelos de punta, para controlar a calor corporal. 

Os medos nocturnos espértannos e póñennos alerta ante o temor da presenza dun depredador, que hai moito que non temos. 

Miramos o móbil cada pouco, sen sequera decatarnos, por aquilo de permanecer alerta ao noso redor, non vaia ser que apareza o perigo.

Comemos con deleite alimentos ricos en graxa e azucre, aínda sabendo que non son saudables, porque nolo ordena o cerebro, que segue programado cun sofware obsoleto; a enerxía rápida que nos achegan agora podemos atopala en calquera momento, pero non así nas nosas orixes. Daquela botabámonos ao doce sen consideración. 

Seguimos vivindo en grupo por necesidade de pertenza, e sentímonos mal se nos exclúen porque quedar fóra podía significar a nosa morte.

A mente, etérea, corre ao futuro co lastre do corpo que se agarra, pesado, ao dolmen.

Nunca deixaremos de ser primitivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario