Esquecín tomar unha pílula. Pero ela lembroume durante dous días o meu desleixo. Vingouse de min como se a abandonase.
E eu déixome emocionar, levar ás toas, subir e baixar... e, daquela, só queda un recurso: a inconsciencia. Cómpre calmar a mente para que o corpo amaine. A cama. O sono sen soños. A escuridade. Levar a mente, coma o gando, polo carreiro que quero.
Durmo. Nada hai. Ausencia. Calor entre as mantas. Auga na xanela. Hoxe nada me importa. Só eu.
Decidín non tomar café para acougar. Día longo entre néboas. E sono. Sabas. Sons que desoio. Durmo no profundo.
Por fin se está adecuando o ritmo. Camiño na mesma dirección toda eu.
Un alto prezo por un esquecemento.
Ou unha lembranza do que importa.
Poida que unha necesidade corporal.
Só son eu, coas miñas evidencias e carencias, en tránsito.

Ningún comentario:
Publicar un comentario