martes, 12 de novembro de 2013

Corvo mariño

Saíu na prensa esta semana, o día 8 de novembro, polo menos na edición de Arousa de La Voz de Galicia, que en Vilagarcía había un corvo mariño pousado nunha farola, cousa que chamou a atención dos viandantes. Non está mal que nos decatemos da súa existencia. Tan preocupada andaba a xente que avisaron a Protección Civil, quen á súa vez chamou ao Centro da Natureza de Cotorredondo, un centro de recuperación da fauna silvestre. A foto do xornal amósao alí, quedo, observador da paisaxe, tan pancho... O que non contan é que foi do animal, liscou sen máis, estaba doente,...?
Parece un corvo mariño real, o máis habitual en toda Galicia, e non só na costa. As dúas primerias fotos foron sacadas no Barco de Valdeorras, velaí van:




Parece que son habituais en zonas do interior onde hai encoros




Estoutra foto é de Catoira, no mesmo río Ulla. Tamén dá fe da súa presenza neste río Anxo Angueira no libro Iria do que xa falei outras veces; deixo este par de citas súas para que poidamos recrearnos na arte da descrición, que a min persoalmente me lembra ao gran Otero Pedrayo:

“E o Iria navega e os corvos do monte pousan nos brazos das cruces dos afogados e nas cavernas negras, ósos brillantes ó sol da mañá, dos vellos galeóns enterrados no lameiro. E o Iria navega e unha man de cinco corvos mariños pasa rasante abeirada ós xuncos e lirios da ribeira adiantando o vello galeón.” 

“Unha áxil liña de corvos mariños, pegada á ribeira de xuncos da Rubia, adianta por couse o galeón subindo como frecha o río arrentes.”

luns, 7 de outubro de 2013

Chegou o outono

Paseo de domingo. Xa rematou o verán, está claro. As últimas uvas que quedan nas vides dan paso aos  primeiriños cogomelos. A quentura que se rende á humidade. Mellor o describiu Otero Pedrayo no conto "O fidalgo" incluído no seu libro Contos do camiño e da rúa: "(...) O grande sol outonizo vén render preitesía na porta ó viño poderoso, novo, pechado nas panzas disformes."


Aí quedou unha "mentira" que escapou da tesoira letal


Non dan para un revolto pero véselles con ganas de saír, arrexuntadas con medo.


A fauna tamén se deixou ver, pouco pero suficiente: 


... un paporrubio destemido...


...e unha libélula descoidada.

mércores, 21 de agosto de 2013

Avelaiona

Xa pasaron uns diíñas, pero é o que ten o verán. 
Despois de moitos anos, estas últimas noites volvemos a oír a avelaiona no monte da Cabana, pretiño da casa, máis ou menos coincidiu coa chuvia das Perseidas. Cremos que se trata dunha avelaiona común (strix aluco), polo ruído que fai segundo a Guía das aves de Galicia de X.M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e Calros Silvar. Non temos fotos súas sacadas a pleno luar, pero si outras diurnas e fóra do contexto, doutras especies de rapaces nocturnas.
Por exemplo esta que amosa unha cría (non sabemos a súa especie), estaba no cemiterio da aldea e xente da parroquia viuna alí acochadiña e con pinta de estar enferma. Como cambia a cousa, antes tirábanselle pedras aos gatos, agora chámase ao Seprona para que veña en auxilio do animal. Non sabemos que foi del, ao mellor é o que polas noites está no noso monte berrando ou gorgolexando como di  Higinio Pontes no seu libro O bandido Casanova: “Escoitamos o gorgolexo escuro da curuxa.”




Estes animais, sobre todo o moucho e a curuxa, están asociados a elementos negativos, maiormente a morte, pola súa nocturnidade e o son que emiten. O Equipo de Normalización Lingüística do C P Veleiro do Campo recolle nun libro editado no ano 1997 o dito popular de que cando o moucho ou a curuxa cantan ao pé dunha casa é sinal de que a hora dalgún dos membros está a chegar. 


Deixamos unha foto dun bufo real sacada na feira medieval de Pontedeume:


xoves, 4 de xullo de 2013

Ferreiriño cristado

Hoxe, logo da praia, toca paseo montuno. Atopamos co ferreriño cristado (é doado entender a razón do seu nome só con ver a imaxe), coma outras veces, pero desta deixouse fotografar algo mellor . Sempre o collemos de tal xeito que se lle ve todo agás a caluga.


Anda cos outros ferreiros, todos en manda, e recoñéceselle ben pola crista branca e negra que ten na cabeza, sempre tesa e deixándose ver.


O seu nome científico é Parus cristatus.

martes, 2 de xullo de 2013

Papuxa das amoras femia


Nesta imaxe  aparece a papuxa das amoras femia (sylvia atricapilla) que fotografamos onte pola tarde.

É un paxaro pequeno, tipo pardal, co curuto da cabeza negro no macho e marrón avermellado na femia. O resto do corpo é bastante grisáceo, coas ás e o rabo máis escuros.

A primeira vez que a vimos, estaba aparvada diante da ventá, non sabemos se enferma ou por golpearse contra o cristal. Nesta foto vémola xusto despois de recuperar parte da súa consciencia:

xoves, 27 de xuño de 2013

Peto verdeal



Que fermoso e que esquivo é!!!!! Non hai forma de sacarlle unha foto de preto, é un bule-bule e voa coma unha auténtica bala, colle forma de misil e avanza sen practicamente mover as ás. O corido é espectacular, verde coa caluga vermella, a parte traseira superior amarela e o peito e parte da cara brancos.
A primeira vez que o vin, ben pensei que era un loro, era unha bala verde que pousou erguido nunha vide.



Non son a única que o considera un animal esquivo, Anxo Angueira no seu libro Iria tamén fala do tema: cualifícao de esquivo e silandeiro (“E o peto, o peto, o esquivo peto cantando no Cachón ós piñeiros da Borbola, de Cabodeiras á Estivada, o seu longo latín inequívoco.”); tamén menciona a súa característica forma de voar, que se pode apreciar na foto de arriba (“O peto verdeal voa agora silandeiro por riba da herba e dos codesos do campo da Torre cara ós piñeiros do Santiguiño co seu voo ás ondas, batendo as ás ós poucos, a intervalos.”) e do seu canto doadamente recoñecible. Claro que outro son ben propio do peto é o que fai canto fura nas árbores, ás que deixa así:



O seu nome científico é Picus viridis
Hai un dito popular que nos di: "Estás farto como un peto"


Pega rabilonga


Velaí vai a pega rabilonga voando. Esta non é unha especie en extinción, hainas a centos e saen por todas partes. Unha cousa que resulta simpática é o xeito que ten de moverse cando está parada, oscilando de diante para a atrás. E aínda que parece negra e branca, a verdade é que a cor negra vista de preto e con sol vese máis ben azulada ou mesmo verdosa, se un se fixa ben na imaxe inferior pódese ver ese ton azulado. O seu nome científico é Pica pica.



No libro Anacos da nosa cultura, do Equipo de Normalización Lingüística do C P Veleiro do Campo, que xa mencionei noutra ocasión, rexistran un xogo popular no que gaña quen chegue a contar máis adiante sen coller folgos:
A pega rebordá
puxo un ovo e rebordou
puxo dous e rebordou
puxo tres e rebordou
puxo catro e rebordou
puxo cinco e rebordou
puxo seis e rebordou…


mércores, 26 de xuño de 2013

Andoriña común

Estas imaxes son un claro exemplo de que as andoriñas aniñan no ámbito urbano (unha vez máis no Barco de Valdeorras). Vese o adulto e as crías entre as tuberías dunha casa. Como se pode ver o niño está feito, ou iso parece, de barro, entre os tubos, e aprécianse as dúas crías alí metidiñas.


Queda claro nas imaxes a seu corido e a longura da cola. Resultan moi doadas de identificar tanto estando quietas como voando, pola súa característa forma de facelo que deixa unha silueta precisa.

O seu nome científico é Hirundo rustica.


De todos é coñecida a identificación da andoriña coa primavera, por ser un paxaro migratorio que nos visita, por toda Galicia, nesta estación do ano e queda durante todo o verán. Coa chegada dos tempos fríos volve para a cálida África. No libro Anacos da nosa cultura, feito polo Equipo de Normalización Lingüística do C P Veleiro do Campo, aparece esta cantiga:

Están todas as carpazas
co lilailo da súa flor.
¡No corazón das rapazas
 nacen cantigas de amor!

Hai leticia verdadeira
nas flores e nas espiñas.
¡Xa chegou a Primavera

no bico das anduriñas!

Tamén hai unha fermosa referencia ás andoriñas no conto "O Pecado" incluído no libro Contos do camiño e da rúa de Ramón Otero Pedrayo:
"A mociña era un verdecer no ermo, un mollo de flores na mesa dun procurador, unha andoriña no patio do cárcere."
Vaia forma de describir que tiña o grande Pedrayo!!!

Pimpín común femia


Outra imaxe tirada no Barco de Valdeorras, boa terra para pasear, beber un mencía e tomar unha bica. Hoxe foi a femia do pimpín común a que se puxo ante o obxectivo da cámara. Comparada co macho queda un pouco "apagada" de cores: é parda con esas franxas nas ás. O nome ao pimpín venlle do son que emite.

Paporrubio inmaduro


Nestas imaxes, sacadas no Barco de Valdeorras, aparece unha cría de paporrubio común. É curioso que de noviños teñan este aspecto tan serio e, despois, de adultos saquen esas plumas tan coridas, supoño que para "mocear".


xoves, 30 de maio de 2013

Ferreiriño común


No paseo de hoxe cruzámonos co ferreiriño común (Parus ater). Ao lado dos outros ferreiros non son tan vistosos pois predomina neles as cores negra, gris e branca; dalgún xeito semella unha copia en branco e negro do ferreiro abelleiro. O seu canto tamén é variado.

Anxo Angueira no seu libro Iria, (que recomendo a todos os habitantes da ría de Arousa) mencíonaos e constata que por esta zona do Ulla se lles coñece como maceiriños. Así aparece no seu libro: “A alegre paxarada da mañá, case toda de maceiriños, ditos tamén ferreiriños, enche os hortelexos da Trabanca de Riba. O Costa distráese ollando os codesos e escoltando a lestada nos piñeirais do Santiaguiño. Un peto cruza silandeiro cara á carballeira, inzada de vinte mil verduras, do pazo da Pedreira”. 
Máis adiante di:“Lens arriba para ve-lo río todo mentres oe un barullo de petos melros e macieriños da banda de Santa Baia.”

mércores, 29 de maio de 2013

Ferreiro bacachís

Os ferreiros son un habituais acompañantes dos nosos paseos. Acostuman estar en grupos, aínda que é habitual ver os comúns xuntos cos bacachís, cristados ou os subeliños. Teñen un fermoso e moi variado canto e resultan moi vistosos, sobre todo os bacachís pola sor amarela do peito.


A caluga posúe un ton negro azulado e o lombo é verdoso. Destaca esa especie de coroa no curuto da caluga rodeada de plumaxe branca.
O seu nome científico é Parus caeruleus e en castelán chámanlle herrerillo.


Como podedes ver, de fronte ten un aspecto moi serio.




Estas imaxes foron sacadas no Barco de Valdeorras pero é moi habitual velos por toda Galicia.

martes, 28 de maio de 2013

Pimpín común



A este paxaro coñéceselle tamén como pinzón vulgar. O seu nome científico é Fringilla coelebs. É moi vistosa polo seu variado corido: gris na caluga, cola e parte das ás; roxeado no peito e no lombo; branco e franxas nas ás na parte inferior do corpo preto da cola. O pico é pequeno e groso. O nome venlle do son que emiten, algo así como pin pin. As fotos foron sacadas en Catoira e no Barco de Valdeorras, dous lugares moi afastados, pero é que este animaliño é común en toda Galicia durante todo o ano.





martes, 14 de maio de 2013

Libeliñas

Libeliñas, libélulas ou  lavacús.  Os cabalos do demos ou cabalotos son distintos: máis pequenos e con ás pregadas cara a atrás, pegadas ao corpo, mentres que as libélulas as manteñen sempre despregadas lateralmente como podedes ver nesta imaxe:


Non coñecemos os tipos de libeliñas, precisamos dun bo manual, pero ademais é que hai tantas! Se alguén sabe como se chaman que nolo deixe escrito nun comentario, por favor!!!!

Pola zona hai moitas e moi variadas e aínda que sabemos que se moven polos ríos ou preto, o curioso é que no lugar onde abundan (chamásmoslle xa a avenida das libeliñas, pois sempre están no mesmo camiño do monte) non hai un río, como moito un rego seco no verán, que é cando sacamos as fotos. Cada día é unha sorpresa pois aparece unha distinta. Outra é a seguinte:


Esta parécese moito á Macromia splendes, que é unha especie amezada, pero esta non o é, se se observa a imaxe de preto vese que as manchas non son exactamente iguais nin no corpo nin na cabeza.

Unha curiosidade destes animaliños: datan da época dos dinosaurios, claro que daquela eran bastante máis grandes ca agora. Ademais foron os primeiros animais que empezaron a voar. A que agora xa non parecen tan pequenos!




Pasan máis da metade da súa vida debaixo da auga como bos cazadores, comendo cágados e insectos subacuáticos.

mércores, 8 de maio de 2013

Pega marza


Este paxaro que aquí se amosa case indefenso baixo a chuvia é a pega marza  (Garrulus glandarius), pero que non nos engane porque ten mala uva. É bastante grandiño e resulta moi vistoso sobre todo por esas plumas azuis das ás. Non parece un córvido polo seu colorido, aínda que como todos eles ten algo negro na plumaxe (xa o di o noso refraneiro: "Non hai pega sen mancha negra"). Destaca o seu pico contundente e forte. Aínda que parece que se alimenta de moitas cousas, podo constatar que tamén, de ter fame, pica no pan mollado. Debía estar criando porque durante todo o día fixo varias viaxes na procura do pan, espantando os pardais.


Desde atrás pódese apreciar mellor o colorido das ás, co azul, marrón, negro e branco. As plumiñas azuis son moi fermosas, miden uns cinco centímetros e teñen unhas listas transversais de cor azul, negro e branco. Na parte superior da cabeza ten outras plumas brancas e negras, que parecen tesas. Como estivo por aquí puidemos sacar bastantes fotos, iso si, con moito coidado pois estaba moi receosa.



martes, 7 de maio de 2013

Cuco

Días de chuvia. Veleidosa primavera. Xa hai uns anos que o cuco non vén aniñar ao monte da Cabana e como non temos fotos poñemos unha ilustración de Manu.



O cuco é un animal curioso, como xa todo o mundo sabe pon un ovo nun niño alleo. Cando a cría nace tira cos outros ovos para ser alimentado por unha nai tamén allea. Estes feitos non deixan en bo lugar a este paxaro pero para compensar está o seu canto. A primavera non chega ata que el canta. A tradición familiar dicía que cando se oe o seu primeiro canto do ano, deberemos ter a barriga chea e o peto con cartos, pois ese momento determina como será o resto do ano en canto a fame e diñeiro. Por se é certo, alá por marzo, que é cando chega, hai que ir, polo menos, ben alimentados.
É precisamente o seu canto o que lle dá o nome, pois soa tal cal: cu cu, así repetido a pares.
Por certo, o seu nome científico é Cuculus canorus.
Se é certo que un dos seus alimentos favoritos son as eirugas da procesionaria xa pode volver ao monte da Cabana porque hai ben delas nos nosos piñeiros! E así volveremos ter unha primavera tamén con son.

O refraneiro popular di que "Entre marzo e abril sae o cuco do cubil; e entre San Xoán e a Sega, marcha o cuco para a súa terra". En Catoira somos máis dramáticos porque o noso refraneiro di: "Entre marzo e abril ou vén cuco ou vén a fin", e xa dixen que hai uns anos, sete máis ou menos, que non vén...

Hai varios ditos populares que mencionan a este animal, como "estás contento coma un cuco", vese que o seu canto reflectía a ledicia (relacionado coa chegada da primavera, a calor, a luz,...). Outro é "Ser moi cuco" ou "Ser coma un cuco" indicando que alguén é moi enxeñoso ou arteiro; con este sentido podemos lelo no libro O bandido Casanova de Hixinio Puentes: "Pero o padriño, que era moi cuco e non lle interesaba poñerse a mal cos veciños..."; máis adiante pon "O condenado era finísimo como la de gato, coma un cuco"; entendemos esta finura como astucia. De feito a palabra cuco é un sinónimo de astuto, arteiro, sagaz, perspicaz...

Manuel María dedicoulle un poema en Terra Chá:

O cuco, o cuco cuqueiro.
O cuco, o cuco cucón.
¡Madrugón e cantareiro!
¡Cantareiro e madrugón!

domingo, 5 de maio de 2013

Paporrubio común

Neste primeiro paseo matinal atopámonos co paporrubio común (Erithacus rubecula). Deixouse fotografar con certa profesionalidade. Non sempre é doado atopalos tan dispostos.


 

Este paxaro é común e abundante en toda Galicia. É frecuente velo e atopalo preto das casas, iso si, de aldea, durante todo o ano. Evidentemente o seu nome vén de que ten o papo desta cor avermellada e cando lle dá o sol resulta moi vistosa. Ten un canto fermoso e variado, aínda que se o oes de preto resulta lixeiramente estridente; pero non deixa de ser melodioso, polo menos a min gústame!