martes, 4 de abril de 2023

Eu son a tola primavera


Estes días de descanso podo andar algo máis. Poño os cascos e vou polos carreiros escoitando música. Evito o monte. Sempre me deu medo e non o descubrín ata que Manu me colleu da man e me internou nel. Atopei as árbores, os paxaros, o raposo, o arrecendo e a música. Aínda así, evito entrar alí soa. Os medos da infancia, reais ou non, seguen petando dentro de min: raposos e lobos ouveando, o home do saco, a Santa Compaña, os toxos bravos, os carreiros enlamados...

Ando libre. Cantando en alto e axitando as mans ao ritmo da música. E inevitable parar a sacar fotos destas margaridas, daquelas hedras apreixando un carballo, do sol reflectíndose no río... Nestes intres atópome ben, aínda que quen me vexa cantando e movendo as mans pense que toleei. Tamén arrinco unha folla de loureiro para ulila, e na miña mente como marisco; ou unha pouca menta brava que me refresca o cerebro. Cando entro ou saio da casa, as glicinias recenden a mel e soan a abellas.

Andando cheguei ata o carreiro que leva ao monte. Fun quen de seguir pero tiven que arrincar os cascos dos oídos; non podía entrar en territorio inimigo sen os sentidos alerta. E descubrín que sen a música era menos aterrador. Primeiro un silencio absoluto, nin sequera un coche ou un can ladrando na distancia. Despois os arrolos dunha pomba e a continuación o canto doutros paxaros. Parei. Ollei ao meu redor e, cando vin que a última casa da aldea estaba case fóra da miña vista, dei media volta. Foi suficiente.

Esta é a miña estación. E eu son ela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario