domingo, 2 de xullo de 2023

Mamá é unha muller fermosa

 

Entro no cuarto para comprobar se mamá dorme. Atópoa esperta e ergue os ollos lentamente cando aparezo ante ela. Hoxe ten un camisón branco e descansa entre sabas tamén brancas, pero eu só vexo luz e cor: as meixelas rosadas, os beizos avermellados, os ollos con reflexos aínda verdes, as canas mesturadas co pelo que remoza en gris e a pel suave e tersa. Está fermosa. Lémbrame un ramo de flores primaverais no medio da escuma, unha venus deitada entre lirios brancos. Toda a xente que a ve sorpréndese; esperan unha anciá decrépita e atopan unha muller briza que mantén a vizosidade da mocidade. Non amosa unha faciana engurrada nin apagada; non ten esa cor amarela das candeas que esmorecen consumidas; non se percibe a súa caveira cos ollos afundidos nin as enxivas desdentadas. Non. Ten unha beleza xuvenil impropia da senilidade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario