martes, 19 de setembro de 2023

Entre mazás e pementos

 


Ando vizosa de froita e acudo á horta nova. O ano pasado plantamos unha maceira, un limoeiro, unha mandarineira, unha laranxeira e moreas de pexegueiros. Ademais de verduras que non se deron, agás os pementos e unhas poucas xudías.

Recollo o froito dispoñible, mazás douradas e pementos que tornaron vermellos. Dá medo adentalos, avisan coa cor rechamante do nivel de capsaicina. Aínda así hai quen os mira con cobiza.

     Dozura nas mazás nacidas amodo. 
     Proído nos pementos abandonados ao sol.

Dous mundos diferentes que anegan a boca de cuspe.

Estes días, como adoita ultimamente, o mundo é dual: doce e agre, de sol e lúa, manso e bravo. 
Unha mazá que apodrenta, como os corpos, e un pemento que se torna agresivo, como as almas.  
Unha mazá saborosa que alimenta e prende dentro e un pemento que excita e remove ata a medula.
Dous mundos na horta nova. Dous mundos na aldea vella.

Ningún comentario:

Publicar un comentario