Dei un pequeno paseo de tarde para espantar a monotonía do traballo. Os sons que me acompañaron foron sutís, o trilar duns poucos paxaros ocultos entre as follas e o rumor destas movidas polo aire. Follas de castiñeiros e de eucaliptos. E sobre eles, as seis badaladas das campás da igrexa anunciando a hora aos fregueses. Deume que pensar. Lembroume que son unha muller de aldea e os sinos tanxían para min, para avisarme de algo, como sempre fixeron, dun incendio, dunha morte, dunha hora... Onte repicaron para despedir unha veciña.
A mente segue voando co vento e corre entre as ramas para espantar paxaros. Morreu A., como morreron outras moitas persoas estes últimos anos. Eramos a aldea máis lonxeva da parroquia, mesmo do concello, pero imos minguando.
Os nosos vellos e as nosas vellas viven e morren nesta aldea. Cando as primeiras residencias chegaron á comarca, as súas caras reflectían o medo a seren encerrados nelas. Ben sabían que non eran hoteis de cinco estrelas, e, aínda que o fosen, nunca terían unha auga pura coma a da traída que construíran en común, nin un xardín tan vasto como o monte da Cabana, nin un lugar de reunión como o mazadoiro de tío Manolo, no medio da aldea. As xanelas non traerían as voces da veciñanza, o panadeiro non os espertaría pola mañá. Non podían imaxinar a vida lonxe de Oeste. Agora vou entendendo, mentres os meus zapatos atrapan a grava das estradas mal asfaltadas.
Son do monte. Dun monte amansado onde o toxo bravo convive cos lirios levados ata alí, desde os xardíns, polo aire do sur.
Querida paseante paxareira, escríboche dende a irmandade na pertenza ao monte. Eu agora vivo lonxe, mais a aldea nativa segue a ser O Lugar. Este verán encontreina convertida en selva. Medraran as hervas e as silvas agatuñaban polas árbores coma serpes entolecidas. As maciras tiñan pólas secas, asilvestradas sen poda. A natureza berraba que a nosa ausencia podía darlle máis poder, e sentín que reclamaba tamén, coma os pais, a nosa entrega aos coidados. Respondimos á súa chamada e contratamos a maquinaria necesaria: quedou bonitiña outra vez a finca da casa, coa cara limpa e os cabelos ben penteados. Mireina longamente e pareceume que non tiña abondo co sacrificio das nosas vacacións. Choscábame o ollo seductora como a fada que se pentea na coba para levar os pasaxeiros ao fondo das entrañas da terra.
ResponderEliminarOla Aelita: moitas grazas por este fermoso comentario. Vexo que falamos un mesmo idioma, vemos a mesma paisaxe e sentimos que o pasado nos reclama, sen pedir demasiado. Saúde e Terra, amiga.
ResponderEliminar