Polas nosas vidas pasan persoas fermosas, inesquecibles, cun marabilloso don e unha vida que se presenta apaixonante. Eu teño ao meu carón unha delas, rapaza nova -nova amiga- que aparece como unha raiola inesperada no inverno. Véndome feble escribiu este poema -para min!-. Cantou como un subeliño rosado anunciando esta primavera. Déixovos a voz de Ainara S. Edevane:
Resoan os lamentos dos paxaros
nas cuncas dos meus ollos taciturnos.
Xa non reflicten o sol de cada albor,
as estrelas de cada tardiña irisada…
Pousan as súas ás quebradas
nas miñas. Crebacabezas inhumano.
Berra o vento que escacha contra as ondas
coma ovos sen fecundar.
Casca de desgrazas.
Agarda a expectación dos feixes
das miñas neuronas;
é inminente a desconexión dos vértices
dos meus dedos, calcinados por aquel lapis
que abandonei en plena queima.
Grafito de soidade,
a melodía dos meus pensamentos
esqueceuse de fermentar.
Vomitei a partitura daquela obra mestra
entre a ondada.
E a levou o mar. Lonxe, moi lonxe…
Non regresará ata que volva aprender
os acordes desta serenata conversa.
Pérdome entre os bemois da escuma mariña,
escoito o vaivén dun sentimento en tránsito.
Vexo á miña igual.
Aférrome á man tendida que nunca soltou
o meu ombreiro,
esquezo as miñas pálpebras e convírtome
nun verbo descoñecido.
Bailas comigo?
Ningún comentario:
Publicar un comentario