martes, 22 de abril de 2025

Dorothy volve a Oz


Volvo ao ano pasado por unha estrada abeirada de amarelo, das xestas e pampullos, e créome Dorothy, orgullosa e forte, conducindo ao mundo máxico de Oz.

Alí amolezo ingrávida entre abrazos, bicos e miradas. Volvo, sen presión, ao fogar, á familia á que pertencín. Tenrura, sorpresa, ledicia. 

Que ben me veu! O abrazo dondo, a mirada tenra, o bico lene. E sigo flotando entre o algodón e o liño, deitada sobre nubes de azucre.

Cumpríame volver atrás para ollar de fronte a vida presente. Devecía por recuperar o que fun e son, por volver coa mirada limpa e fresca e a alma acougada. E foi fermoso.

E aínda metida nesa fermosura, decátome de que se está pechando o círculo, trazado a man con minas de grafito brando. Falta un nada, un anaco minúsculo que xa case cicatrizou. Nun par de días non quedará rastro na pel.


Ningún comentario:

Publicar un comentario